Skip to main content
Comarca AMARIÑAXALugoMonforte

Remata a folga de médicos tras nove días

Por 20 Abril, 2023Sin comentarios

Tras nove días de folga na Sanidade, parálise nos quirófanos e consultas de especialistas e decenas de miles de pacientes afectados, chegouse a un acordo entre médicos e o Sergas para poñer fin ao paro indefinido que iniciaron o pasado 11 de abril. Agora haberá que ver cando se restablecerá a normalidade,

Tras seis horas de negociación, a folga queda desconvocada despois de que Ramón Barreiro Paz, presidente do sindicato, e Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, selasen o acordo, que pon fin a un paro que deixou as seguintes cifras: 1.670 intervencións cirúrxicas suspendidas, 32.696 consultas externas anuladas e 2.691 probas pendentes en Galicia.

“É unha boa noticia, sobre todo para os nosos pacientes, poñer fin a este conflito que lamentamos e imos tentar recuperar canto antes a actividade que non se puido facer”, manifestou Comesaña.

As melloras pactadas son un incremento do prezo das gardas médicas “diferenciando as laborais das prestadas os domingos e festivos, así como nos casos que se realicen cinco gardas ou máis ao mes”. Ademais, os días 24 e 31 de decembro pasarán a ser de especial consideración.

“O importe das gardas en día laborable de presenza física será a partir do 1 de xullo de 27 euros/hora e, a partir do 1 de xaneiro de 2024, de 28 euros/hora; e o prezo das gardas de presenza física domingos e festivos será de 30 €/hora. Os MIR verán incrementado o prezo de garda na mesma proporción que para o persoal estatutario”, agregan. Mentres, as gardas localizadas en días laborais terán un prezo de 14 euros a hora en días laborables e de 15 euros en fins de semana e festivos. A partir do 1 de xaneiro de 2024, as gardas de presenza física, cando sexan cinco ou máis ao mes, terán un prezo de 37 euros a hora.

Pola outra banda, o texto acordado inclúe “un novo modelo de exención de gardas de presenza física aos facultativos especialistas de área con máis de 55 anos”.

No referido ao Complemento Específico, o gran cabalo de batalla do sindicato, puntualizan que “se presentará unha reconfiguración do mesmo”, como xa fixeron outras comunidades. O obxectivo é “reducir a diferenza retributiva entre o persoal con dedicación exclusiva e o que non ten ese réxime de dedicación”, xa que neste momento a Xunta só miraba a exclusividade para concedelo.

“A negociación do modelo pecharase o próximo 1 de xullo, para ser efectiva en xaneiro do ano 2024, cunha diferenciación máxima de 180 euros”, salientan. Ao tempo, outro dereito conquistado é o de “retribuír a mañá do sábado”, para o que se establecerá “un módulo equivalente ao de 7 horas de garda”.