Skip to main content
A PastorizaLourenzáLugoPol LUGOXAPol TERRACHÁXAViveiro

A Deputación aproba investimentos en varios concellos

Por 22 Abril, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde este venres a acordos cos que a institución provincial mobiliza un total de 3,7M€ para a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas da veciñanza da provincia, entre eles o máis destacado. a residencia da Pobra de Brollón.

Segundo acordou a Xunta de Goberno, a institución provincial achegará 544.000€ ao Concello de Viveiro en dúas anualidades (2023 e 2024), para acometer a pavimentación e renovación de servizos da rúa do Porto de Celeiro.

A voceira socialista detallou que a achega da Deputación representa o 80% do investimento necesario para acometer a obra, mentres que o Concello aportará os 136.000€ restantes”. O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións, a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público, así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical da vía.

“Estas actuacións mellorarán a mobilidade da veciñanza e tamén dos visitantes, que, principalmente no período estival e en Semana Santa, se achegan ó concello de Viveiro e á zona de Celeiro para desfrutar do seu patrimonio e da gastronomía”, asegurou García Porto.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou colaborar cun investimento de 126.000€ co Concello de Pol para acometer o abastecemento de auga a explotacións agrícolas e distintos barrios deste municipio, para a mellora dos accesos ao núcleo de Hermunde e para a instalación dun vídeo marcador no campo de fútbol. Pilar García Porto destacou que a achega da Deputación supón algo máis do 80% do orzamento preciso para estas obras, pois o Concello aporta 31.000€.

Así mesmo, a Deputación apoia ao Concello de Lourenzá cunha achega de 50.000€ para o equipamento do local multiusos Ponte de Cuñas, destinado a albergar actividades socioculturais organizadas pola Administración local e polo movemento asociativo e veciñal do municipio. A Deputada explicou que entre o mobiliario a adquirir para este espazo, que conta cunha capacidade para 500 persoas, están máis de 250 sillóns, unha pantalla Led de interior, un atril e catro mesas pregables.

A Deputación tamén aportará preto de 50.000€ ao Concello da Pastoriza para a pavimentación do acceso á zona agrogandeira da parroquia de Gueimonde.

Por outra banda, a institución colaborará co Concello de Lugo con máis de 343.000€ para a organización e celebración de actividades culturais durante este ano 2023.