Skip to main content
Lugo

O Pleno da Deputación aproba pedir á Xunta que corrixa o proxecto da Ronda Leste

Por 26 Abril, 2023Abril 27th, 2023Sin comentarios

O PSdeG constata no Pleno que os populares, que se abstiveron no Pleno, “non teñen ningún argumento” ante as “graves irregularidades” que detectou a Deputación e que, “despois de 14 anos sen facer nada”, sacaron este proxecto do caixón, “como un anónimo”, “agora que a ex Alcaldesa de Mondoñedo aspira á Alcaldía de Lugo”.

A Deputación de Lugo aprobou este martes, no último Pleno ordinario do mandato, unha moción socialista instando á Xunta de Galicia a que corrixa o proxecto de trazado da segunda fase da Ronda Leste ante as “graves irregularidades” detectadas pola institución, segundo recolle un amplo documento de 400 páxinas con informes elaborados polos servizos técnicos provinciais.

O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asegurou que a administración autonómica “insiste no seu erro sobre o proxecto, porque é evidente que está mal. Non cumpre coa normativa que hai actualmente e, polo tanto, o que ten que facer é reformalo”.

José Tomé destacou que a Deputación fixo alegacións “moi ben fundamentadas e con moita precisión de datos, o que nos dá a razón”, e pediu á Xunta negociar co Concello e a institución provincial, xa que “ambas estamos afectadas”.

A proposta do Grupo Provincial do PSdeG saíu adiante cos votos a favor do BNG e coa abstención do PP, despois dun debate no que os socialistas constataron que os populares “non teñen ningún argumento” ante as deficiencias expostas pola Deputación e que, “despois de 14 anos sen facer nada”, sacaron este proxecto do caixón, “como un anónimo”, “agora que a ex Alcaldesa de Mondoñedo aspira á Alcaldía de Lugo”.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, incidiu “nos fins electorais” que moven “en exclusiva” á Xunta con esta obra, lembrado que a propia Elena Candia “votou en contra da infraestrutura neste mesmo Pleno, cando era Deputada provincial”, e asegurando que “saben perfectamente que neste ano 2023 non van facer nin un só metro de obra. Non lle mintan ós lucenses”.

“Chegan tarde e chegan mal”, subliñou Pilar García Porto, pois o proxecto que presentaron “ten a Declaración de Impacto Ambiental caducada, non se axusta ó PXOM de Lugo, non inclúe un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística conforme á Lei  7/2008 de Protección da Paisaxe de Galicia e provoca impactos críticos na contorna do Rato”.

De feito, o PP recoñeceu ata en dúas ocasións no debate que a Xunta debe dar explicacións pola tardanza da obra e tamén que a Administración autonómica ten que estudar as alegacións que presentou a Deputación de Lugo.

A voceira provincial socialista esixiu explicacións á Xunta e á candidata do PP e Vicepresidenta do Parlamento de Galicia de “por que non fixeron nada en 14 anos e, agora que fan algo, por que o fan tan mal, e por que lle mentiron unha vez máis ós lucenses porque anunciaron un investimento de 6M€ nos Orzamentos deste ano para a Ronda Leste, pero non van facer nin un só metro de obra neste 2023”.

Grazas á moción do PSdeG, a Deputación de Lugo aprobou solicitar á Xunta de Galicia que cumpra coa normativa legal vixente no deseño do trazado da segunda fase da Ronda Leste; que tramite e aprobe unha nova Declaración de Impacto Ambiental, conforme á Lei 21/2013, do 9 de decembro, de Avaliación Ambiental, e a Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica, entre outras, a referida Lei 21/2013; que adecúe o novo trazado ó establecido no PXOM de Lugo; que elabore e aporte un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística conforme á Lei 7/2008 de Protección da Paisaxe de Galicia; e que elimine os impactos críticos do trazado no entorno do Rato a nivel ambiental e visual, garantindo os usos do Parque Periurbano e minimizando a modificación da xeomorfoloxía do terreo e a paisaxe.

EMENDA DO BNG

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia “a paralización do proxecto da Rolda Leste ata que haxa un consenso político e social sobre a súa conveniencia e trazado” , tal e como propuxo o BNG a través dunha emenda á moción que presentou sobre esta infraestrutura no pleno provincial.

Durante o debate, a vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada nacionalista Maite Ferreiro reiterou o posicionamento do BNG en relación con este proxecto. “Non só pedimos que se cambie, pedimos que se paralice ata que haxa un consenso social. A maioría do pobo de Lugo non quere esa infraestrutura e nos cuestionamos que sexa necesaria a esta altura, despois de 20 anos nos que a situación da cidade cambiou moito e non se parece en nada ao que plantexaba o PXOM daquel momento nin ás necesidades que prevía”, explicou.

Maite Ferreiro incidiu na necesidade de “protexer o entorno natural do Rato, un lugar de encontro da veciñanza” das agresións que suporía a infraestrutura e lembrou que “o rexeitamento non é só do BNG senón de asociacións veciñais, micolóxicas, ecoloxistas e moitas persoas a titulo individual que defenden o patrimonio ambiental e o patrimonio etnográfico”, concluíu.

PARTIDO POPULAR

O PP espuxo que o goberno bipartito da Deputación “despreza o consenso sobre a Rolda Este: prefiren deixar de lado o interese xeral por cuestións relacionas coa cita coas urnas”.

“Esta infraestrutura era demandada polos grupos no Concello e suscitaba paz política”, segundo explicou durante a súa intervención o deputado Óscar Poy, tamén concelleiro en Lugo. “Agora, por cuestións relacionadas coa cita coas urnas, detúrpase a nobre función da política e PSOE e BNG deixan de lado o interese xeral”, engadiu.

O PP propoñía que o pleno instase á Xunta a estudar todas as alegacións que sexan presentadas optando por unha opción que supoña o menor impacto posible. “Unha fórmula que entendo que acolle todas as sensibilidades ao respecto desta obra que non fai tanto tempo suscitaba un discurso unánime de todos os partidos políticos”, explicou o deputado popular. Deste xeito, “amosaríamos o interese de todos na mellora da cidade”.

Poy lembrou “a falta de fundamento das protestas” por “empezar antes de que se coñecera o trazado” e insistiu nas contradicións do “bipartito de hoxe e do bipartito de fai dous meses. Non fai tanto, o BNG xuntou en Lugo a Ana Pontón, Olalla Rodil e ao candidato reclamando a Rolda Este porque era unha infraestrutura imprescindible; pero agora din que o imprescindible é parar a obra, como sexa”.

“E o PSOE, un mes antes da viraxe do Bloque, opúxose a unha proposta do Partido Popular de construír un párking na zona de Fontiñas argumentando que os problemas de falta de aparcamento tiñan como solución construír a Rolda Este. Pero agora din que xa non é tan necesaria e xa non solucionada nada”, engadiu.

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, sinalou antes de entrar ao salón de plenos e en resposta ás preguntas dos medios de comunicación, que “sabemos que é unha necesidade importante para Lugo”. Ademais, “a Xunta está en disposición de canalizar esa inversión para atender a demanda dos lugueses e iso parece que é o que lle molesta ao goberno da Deputación e ao do Concello”.