Skip to main content
Lugo

Lugo Transforma estuda o apoio económico ao asentamento de tres empresas

Por 27 Abril, 2023Sin comentarios

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, presidiu o terceiro Comité de Investimentos do Lugo Transforma, a estratexia que impulsou durante a pandemia ao abeiro do Plan de Recuperación Económica do municipio co propósito de consolidar e atraer empresas situadas á vangarda e con capacidade de xerar emprego sostible, estable e de calidade no concello.

Á sesión concorreron tres novos proxectos innovadores que optan ao apoio económico do fondo municipal para incrementar a súa proxección e que, de estimarse, suporían, conxuntamente, un investimento de 1.100.000 euros e a creación de numerosos postos de traballo.

Dos tres, un ten xa o seu domicilio social en Lugo e os outros dous son de A Coruña e Barcelona, coa previsión de ter que asentarse na localidade para poder entrar no fondo inversor. Todos cumpren os requisitos necesarios e comparten un marcado compoñente tecnolóxico.

En canto ao sectores aos que pertencen, unha das empresas aposta por achegar unha solución que mellore a experiencia das e dos viaxeiros que interactúan con información turística online; outra céntrase na dixitalización dos puntos de venda da industria alimentaria para controlar a calidade na elaboración dos seus produtos e, a terceira é unha plataforma all-in-one que permite contratar e xestionar equipos informáticos do persoal de Pemes e micropemes.

Lara Méndez puxo en valor o talento emprendedor das propostas presentadas, “todas elas aliñadas co modelo de transformación que segue a cidade dende 2015 e no que levamos traballando 8 anos para que Lugo resulte atractivo como destino do asentamento empresarial e isto sexa sinónimo de oportunidades laborais para a nosa mocidade”.

A este respecto, a rexedora subliñou a consolidación paulatina da estratexia “que, unha vez máis, amosa a súa capacidade para converternos nun referente da captación de empresas punteiras no seu sector como son as xa integradas – LexDigo, Innogando e InVerbis (esta última unha das únicas 20 operadoras mundiais que exercen no campo da minaría de datos) – e que xuntas crearán en torno a 120 postos de traballo directo. Unha cifra que seguirá aumentando ao tempo que tamén crece e prospera a nosa cidade”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Estratexia Lugo Transforma

A estratexia Lugo Transforma enmarcarse no plan impulsado por Lara Méndez en plena pandemia para atraer investimento empresarial e pular pola reindustrialización do municipio e pola creación de emprego estable e de calidade.

Para iso, mobilizou un investimento histórico de 12 millóns de euros de recursos municipais co obxectivo de fomentar a transformación económica, e no que participan cun millón de euros máis as empresas Lence, Norvento Enerxía, Grupo El Progreso, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, e Dmanán, así como Torsa Capital, que é, ademais, a xestora do fondo inversor.