Skip to main content
Lugo

Arroxo fai unha valoración positiva dos catro anos de goberno ante as críticas do PP

Por 27 Abril, 2023Abril 29th, 2023Sin comentarios

O PP defendeu varias iniciativas para “corrixir problemas xerados por Lara Méndez e Rubén Arroxo nestes catro anos”.

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, fixo balance á entrada do último pleno ordinario do mandato dos cambios que experimentou Lugo nos últimos catro anos. Arroxo destacou o “evidente cambio” que deu a cidade de Lugo, “levando adiante proxectos importantes tanto para o Concello como para a veciñanza”.

Rubén Arroxo afirmou que “neste mandato leváronse adiante as transformacións que Lugo levaba anos pedindo, desde a tenencia de alcaldía fixemos que esta cidade camiñe cara adiante”, e engadiu “levamos adiante este cambio levando a tenencia de alcaldía, e a partir do 28 de maio continuaremos a transformar a cidade desde a Alcaldía de Lugo”.

Arroxo afirmou que “non se pode falar deste mandato sen mencionar os cambios no espazo público”, e engadiu “a pandemia que atravesamos durante estes anos fixo que moitas persoas se desprazasen das grandes cidades ao rural, decatándose de que as cidades non estaban pensadas para as persoas, e que o espazo público estaba deseñado para os coches e non para os peóns”. O candidato do BNG destacou “o avance de Lugo” neste período, con 15 novas rúas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla.

O BNG traballou tamén no calmado do tráfico, “para cumplir, desde o minuto 1, o compromiso de mellorar a seguridade no espazo público”, afirmou Arroxo. A área de Mobilidade iniciou, ao comezo do mandato, un plan de tráfico nas contornas escolares, o que provocou un efecto chamada en todos os centros de ensino de Lugo, que reclamaron intervencións nos seus entornos. “Seguiremos avanzando para que non haxa nin un só punto da cidade no que ser un peón sexa motivo de inseguridade “, anunciou Arroxo.

“Temos a muralla máis antiga do mundo que se conserva na súa totalidade, é un monumento que, polo seu contexto histórico, é moito máis importante que a torre Eiffel ou a Estatua da Liberdade”, afirmou Arroxo, que afirmou que “sería inconcebible ver 15.000 coches diarios rozando as pirámides de Guiza, mais en Lugo facíano coa muralla máis antiga do mundo que se conserva completa”.

“Imos seguir protexendo a Muralla, retirando vehículos do seu redor, porque a Muralla no futuro será peonil”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou “hoxe a Muralla xa rexistra 4.000 vehículos diarios menos, e seguiremos traballando para reducir o tráfico”.

“Seguimos a apostar pola cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade, malia que a oposición diga que son grupos de escaso nivel”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “seguiremos a encher as rúas e prazas de actividade cultural, porque a cultura ten que estar na rúa, ao alcance da veciñanza, tal como fixemos e seguiremos facendo”.

Rubén Arroxo destacou o traballo realizado durante este ano de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. “Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado”, afirmou Arroxo.

CRÍTICAS DA XESTIÓN DO PP

Durante o Pleno o PP quixo poñer de relevo “os erros cometidos polo goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo nos últimos catro anos, sempre protagonizados pola liorta interna entre PSOE e BNG e pola falta de consenso coa veciñanza de Lugo”.

Ramón Carballo explica que a peonalización que quere desenvolver o goberno de Lara Méndez non conta nin co consenso nin co respaldo dos veciños, moi molestos pola distribución do tráfico que propón o goberno local, canalizando os vehículos pola Rúa Nova, unha vía peonil dende hai 24 anos.

Ante esta situación, os populares pediron no pleno que se realice un estudo para buscar solucións ás molestias provocadas polas obras e un plan de tráfico alternativo para evitar situacións de risco para peóns e condutores ao distribuír o tráfico rodado pola Rúa Nova.

Outra obra realizada polo goberno de Lara Méndez, sen consenso cos veciños, é o carril bici que, nas últimas semanas tamén provocou friccións entre PSOE e BNG. Ramón Carballo recorda como Lara Méndez e Rubén Arroxo votaron a favor da construción desta infraestrutura (en xullo de 2020) polo que ambos son “responsables” dos problemas ocasionados por esta obra.

Os populares defenderon, como xa se fixo noutra ocasións, que se modifique o trazado do carril bici para solucionar todos os problemas de seguridade viaria xerados e para paliar a destrucción de prazas de aparcamento (máis de 300 so no barrio da Residencia) axudando así a facilitar a mobilidade.

A rehabilitación da Milagrosa foi outro dos temas que centraron a atención do pleno. Nas últimas campañas electorais, dende o PSOE sempre defenderon que a rehabilitación de edificios na Milagrosa era un dos seus principais obxectivos, pero nunca fixeron nada, polo que agora o volven a anunciar.

Ramón Carballo defendeu que o Concello de Lugo instale no barrio da Milagrosa un punto de información para que os veciños poidan acudir a el e así informarse de como acceder aos fondos europeos que se solicitarán para realizar a rehabilitación das vivendas, así como charlas públicas para informar á veciñanza do camiño para acceder a estas axudas.

O voceiro popular sinalou que tamén sería preciso ampliar estas axudas á rehabilitación ao resto de barrios de Lugo, así como financiar o 100% do custe da renovación das vivendas daquelas familias con escasos recursos.

Ramón Carballo sinala que a xestión do goberno local en canto aos servizos sociais “deixa moito que desexar, xa que ademais de non estar unidos ao VioGén, Lugo tampouco forma parta da Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, como tampouco se pagan en tempo e forma as axudas ao aluger (que acumulan atrasos de catro e cinco meses) e non se preocupan de que a empresa que xestiona o centro de día municipal Antonio Gandoy cumpra cos pregos de contratación, xa que non hai médico e a enfermeira que realiza servizos para o centro non o fai de forma presencial”.