Skip to main content
Navia de Suarna

A Deputación defende o turismo sostible na presentación do proxecto Retturn

Por 29 Abril, 2023Maio 1st, 2023Sin comentarios

O deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, participou xunto ao rexedor de Navia de Suarna, José Fernández, na presentación desta iniciativa –a Rede de Experiencias Turísticas Baseadas na Tradición Rural-, coordinada pola Fegamp co financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, participou este venres no Concello de Navia de Suarna, xunto ao Alcalde desta localidade, José Fernández Fernández, na presentación do proxecto Retturn: Rede de Experiencias Turísticas Baseadas na Tradición Rural. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través dos fondos europeos Next Generation, na que participan municipios de todo o territorio nacional.

Fernández Rico valorou que esta proposta “concorda co modelo de turismo e de desenvolvemento do rural que impulsamos dende a Deputación” e defendeu que “empregar o turismo como elemento dinamizador das economías locais é un xeito eficaz de xerar emprego e fixar poboación no rural, sobre todo a máis nova”.

“Desenvolver iniciativas turísticas a partir da recuperación do patrimonio cultural, etnográfico ou paisaxístico ten unha dobre vantaxe”, asegurou o deputado, sinalando que esta medida “impulsa a conservación do contorna e as prácticas tradicionais, e reactívaas como punto de partida para deseñar produtos turísticos que poñen o acento na experiencia, ofrecendo ó visitante coñecer de primeira man construcións tan senlleiras como as pallozas, a apicultura popular ou a gandería de montaña, a transhumancia e o uso da auga”.

Este proxecto conta cun orzamento de 1,2M€, cun investimento de 200.000€ por beneficiario, entre os que se atopan, ademais da Fegamp, a Federación Andaluza de Municipios e Provincias, que é a responsable de coordinar, a Federación Aragonesa de Municipios, Comarcas e Provincias, a Federación Valenciana de Municipios e Provincias, a Federación de Municipios e Provincias de Estremadura e a Federación Canaria de Municipios.