Skip to main content
Ribeira de Piquín

A Fundación TerrEo porá en marcha unha piscifactoría en Ribeira de Piquín

Por 3 Abril, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, coñeceu este domingo o traballo da Fundación TerrEO para poñer en marcha a piscifactoría de Ribeira de Piquín, situada en Santalla. José Tomé, xunto ao Alcalde do municipio e presidente da entidade, Roberto Fernández Rico, percorreu as instalacións, que pronto comezarán a producir troita, e coas que colabora a institución provincial.

Este apoio materializouse nun convenio de colaboración firmado recentemente por Tomé Roca e Fernández Rico, a través do que a Deputación aporta 90.000€ e a Fundación TerrEO preto de 22.000€. En total, 109.258,06 euros, que serven para a contratación de persoal encargado para os coidados e o mantemento da instalación, a dotación dun filtro saca-follas necesario para o correcto funcionamento dos tanques, a adquisición de huevas e a alimentación durante un ano.

O presidente da Deputación de Lugo puxo en valor a iniciativa do alcalde, tamén Deputado provincial de Recursos Sostibles, para impulsar este proxecto, que permitirá recuperar o funcionamento da piscifactoría de Santalla, “aproveitando así as infraestruturas existentes e a riqueza natural da Ribeira para xerar actividade económica e crear emprego no municipio e na zona, contribuíndo desta forma a fixar poboación, que a xente non teña que marchar fóra para atopar unha oportunidade laboral e facer o seu proxecto de vida”.

O mandatario provincial incidiu en que este proxecto demostra “o que sempre defendemos na Deputación de Lugo, que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de recursos e de potencial. Fan falta as políticas públicas e o apoio axeitado e suficiente para aproveitalas e que dean os seus froitos, como estamos facendo dende a institución provincial, con esta e con moitas outras iniciativas, cos recursos dos que dispoñemos”.

O funcionamento da piscifactoría de Santalla dará emprego a catro persoas e estímase unha produción dunhas 40 toneladas de troitas. As instalacións pecharon no ano 2013 tras os importantes danos provocados pola cicloxénese explosiva Gong e, grazas á iniciativa do Alcalde a través da fundación TerrEO e coa colaboración da Deputación de Lugo, volverán a funcionar e contribuír á dinamización económica e social do municipio e tamén da súa contorna.

Tres proxectos para crear emprego e ser o espello de novas iniciativas TerrEO, tal e como explica o alcalde de Ribeira de Piquín, é unha fundación de iniciativa unicamente municipal, que nos dous últimos anos xa puxo en marcha tres importantes proxectos: a piscifactoría de Santalla, impulsando así a actividade acuícola; o polígono agroecolóxico de Monte Furado, no que xa se fixo unha plantación de dúas hectáreas de kiwi; e Forescelta, para a produción cárnica de Porco Celta, da que xa saíron os primeiros cincuenta
animais para súa venda.

A finalidade destes proxectos e da actividade de TerrEO é “crear emprego directo porque é a mellor política social. Queremos ser o primeiro concello de Galicia con paro cero”, e, ao mesmo tempo, “visibilizar as alternativas de futuro que hai para o rural e ser un espello para posibles iniciativas que se queiran implantar similares aproveitando os recursos que temos no noso concello”, subliñou Roberto Fernández Rico.