Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Pasear por Barcelona sempre é unha delicia pero, como adoita acontecer, todas e  todos temos as nosas preferencias. Lugares ou espazos que, polas razóns máis aleatorias  e curiosas, adoramos especialmente. Pois ben, eu sinto auténtica fascinación por El Gòtic  e El Born, dous barrios da Cidade Condal que non deixan indiferente a ninguén. Historia, arquitectura, patrimonio, pedra, prazas, tendas únicas, locais con encanto, “xente de  aquí e de acolá” como diría Cunqueiro… En resumo, puntos vermellos en calquera  caderno de viaxes ou en termos modernos, corazóns a engadir na nosa lista de “favoritos”

en Google Maps.

Adentrarse no Born é unha especie de “regreso ao pasado”, é mergullarse na  historia antiga da Cidade pero, ao mesmo tempo, é un espazo para a vangarda.  Conxunción marabillosa. Xusto estiven por alí hai unhas poucas semanas e volvín  desfrutar desa sensación de tempo suspendido mesturado co ritmo frenético do día a  día. Lembro perfectamente a primeira vez que me perdín na beleza das súas rúas  estreitas e as súas canellas coroadas con arcos empedrados, así foi como descubrín  “Santa María del Mar”, e desde entón, non perdo ocasión de visitala. Non sei como  explicalo pero é un lugar que me produce unha fascinación única, épica pero sinxela,  inmensa pero acolledora. Así é esta xoia do gótico catalán coñecida como a “Catedral de  la Ribera” ou a “Catedral del Mar” como na novela do escritor Ildefonso Falcones.

A basílica comezou a construírse no ano 1.329, unha época en que a cidade de  Barcelona se converteu nunha das principais potencias do Mediterráneo grazas á  expansión marítima da Coroa de Aragón. Mentres no veciño barrio da Catedral  atopábase o centro eclesiástico e político, no barrio da Ribera -chamado así pola súa  proximidade ao mar- concentrábase boa parte da poboación vinculada á actividade  portuaria: desde mariñeiros e pescadores, pasando polos mercaderes que se  enriqueceron grazas ao comercio marítimo ata os gremios máis diversos que aínda hoxe  podemos evocar a través dos nomes das rúas da contorna do templo.

Santa María del Mar foi construída en tan só 54 anos, un tempo récord tendo en  conta que habitualmente este tipo de edificacións adoitaban necesitar máis de 100 anos  para finalizarse. A rapidez na súa construción e a beleza da súa arquitectura gótica pon  de manifesto o esforzo colectivo e a determinación que a fixeron posible. O rei Pedro III  “o Cerimonioso” e outros pro homes do barrio impulsaron as obras achegando grandes  doazóns, mentres que gremios e obreiros como “bastaixos”, carpinteiros ou vidreiros  contribuíron coa súa man de obra a erixir un dos símbolos de Barcelona.

Moitas das vidreiras de Santa María del Mar sucumbiron ao incendio de 1936, pero  outras, como a do Xuízo Final (1474) ou a de Pentecoste e a Santa Cea (1711)  sobreviviron ata a actualidade. Unha das máis destacadas é o rosetón da fachada  principal, que se derrubou co terremoto de 1428 e se recuperou en 1460.

Sempre que penso nesta marabilla arquitectónica soa na miña cabeza unha música  que tamén me fascina: “Nocturnes” do compositor francés C. Debussy (1862 – 1918) e

particularmente o seu último movemento, “Sirènes”. Debussy escribiu unha nota  introdutoria aos Nocturnos, onde indicaba que ‹o título “Nocturnes” debe interpretarse  nun sentido decorativo. Non debe entenderse como referencia á habitual forma de  nocturno, senón máis ben ás diversas impresións e aos efectos especiais de luz que  suxire o termo. “Sirènes” representa o mar e o seu inextinguible movemento; sobre as  ondas, nas que tremeloce a luz da lúa, escóitase o misterioso canto das sereas, rindo ao  seu paso…›.

Por favor, escoitade a peza en cuestión. Nin querendo podería ser máis evocadora,  grazas señor Debussy.