Skip to main content
Folgoso do Courel

O PSOE alerta de que A Xunta “pretende adiar a reparación da estrada LU-651 ata 2025”

Por 15 Abril, 2023Abril 16th, 2023Sin comentarios

A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, presentou unha iniciativa para urxirlle á Xunta que repare a estrada autonómica LU-651, cortada por un derrubamento dende marzo de 2022, e que acondicione a conexión entre Seoane e Folgoso.

Otero dixo que o retraso amosado pola Xunta na reparación do corte da estrada entre Folgoso do Courel e Quiroga é “o exemplo da súa desidia coas estradas de titularidade autonómica”.

A responsable socialista, ademais, alertou de que o goberno galego pretende adiar a reparación desta vía ata o ano 2025, tal e como figura nas plurianualidades previstas nos Orzamentos da Xunta para o ano 2023.

Por isto, acusou ao PP e ao goberno galego de preocuparse unicamente de “titulares, anuncios e promesas, pero sen asumir ningunha obra”, antes de lembrar o compromiso de reparar a vía en ano e medio, “pero van alá 13 meses e nin sequera aprobaron o proxecto” desta actuación.

Otero lembrou que o afundimento do firme en marzo de 2022 deixou a vía inhabilitada, mentres o goberno galego tardaba 44 días en atopar un desvío alternativo, que no habilitou ata 4 meses e medio despois, e que a día de hoxe aínda ten tramos polos que “non pasa un carro de vacas”.

Por último, advertiu que “a suposta rapidez da Xunta” da que “presumen” para resolver esta situación “non a están a ver os veciños e as veciñas da comarca” que lle reclaman ao goberno galego que “tome en serio o arranxo definitivo da estrada”.

Reclamou ademais o acondicionamento e ampliación da estrada entre Seoane e Folgoso do Caurel, que a alcaldesa da localidade leva anunciando dende 2010 pero que “non dá chegado”.