Skip to main content
A Pobra do Brollón

O estado dos accesos ás adegas de Vilachá son motivo de queixa para os veciños e o PSOE da Pobra do Brollón

Por 21 Abril, 2023Abril 22nd, 2023Sin comentarios

Os veciños da parroquia de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, denuncian o mal estado no que se atopan os accesos ás adegas milenarias de Vilachá, concretamente na Abelaira, onde se atopan “estas construcións tradicionais cuxa finalidade é a conservación do viño”, explican desde o PSOE do municipio, que se fixeron eco destas denuncias.

Esta contorna, denuncian os socialistas, “está completamente abandonada, os camiños completamente embarrados sen poder transitar por eles, nin andando nin en coche, dando unha imaxe penosa e de abandono moi lamentable do noso concello”.

O candidato socialista á Alcaldía, Adolfo Rubio Pascual, sinala que “non entende o estado de abandono por parte do Concello no mantemento e roza destas zonas turísticas tan concorridas, nas que ademais se promoven visitas guiadas”.

Nesta liña, denuncia que, “por unha banda, o Concello impulsa o turismo, pero non acompaña esta medida con outras accións de mantemento e conservación da súa contorna natural, algo fundamental para poder promovelo”.

Por iso, explican: “Cremos que para potenciar o turismo hai que coidar primeiro o gran patrimonio do noso municipio” e por iso traballarei xunto coa candidatura por promover un turismo sostible, capaz de dinamizar a nosa economía e poñer en valor o noso rico patrimonio cultural, coa axuda de todos e todas. E executaremos un plan de mantemento e conservación das rutas turísticas da nosa vila, xunto co adecentamento das pistas a través das diferentes axudas para investimentos”.