Skip to main content
O Saviñao

A subdelegada do Goberno en Lugo puxo en valor as adegas da Ribeira Sacra no Saviñao

Por 11 Abril, 2023Abril 12th, 2023Sin comentarios

O Saviñao acolleu a visita da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen recalcou no Saviñao a importancia da modernización da industria do viño na provincia, que xera riqueza e emprego.

Isabel Rodríguez visitou as instalacións de Abadía da Cova, de Adegas Moure, onde puido coñecer o seu funcionamento, desde a plantación da uva á recollida a man na vendima, pasando polo proceso de produción e a súa posterior comercialización do viño, con Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

“A modernización permite aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sostibles e reducir a pegada ambiental deste sector produtivo, consolidando os viños da Ribeira Sacra nos mercados internacionais, que veñen de bater un récord histórico de exportacións, con máis de 280.000 litros vendidos na campaña de 2022”.

O xerente, Evaristo Rodríguez, acompañou á subdelegada na súa visita e ensinoulle o signo artesanal desta empresa que mantén desde as súas orixes unha estrutura empresarial familiar que fixo do coidado da materia prima un obxectivo estratéxico.

Esta empresa comercializa unhas 350.000 botellas de vino ao ano e outras 250.000 de augardentes e licores, exportando a diferentes países europeos como Suíza, Alemaña, Austria, Finlandia ou Suecia, e a outros mercados como México, Canadá, USA ou China.

A subdelegada manifestou que “é unha obriga de todos apoiar a este tipo de empresas que optan pola excelencia e a calidade desde o respecto ao medio ambiente”.

Empresas de viño na Ribeira Sacra

Neste sentido, Rodríguez sinalou que a achega desta e o resto de adegas da Ribeira Sacra é fundamental para a economía da provincia de Lugo, “por iso debemos potenciar tanto a imaxe de marca como o turismo vinculado aos territorios onde se producen, un elemento básico á hora de dar a coñecer a cultura e identidade da Ribeira Sacra fora das nosas fronteiras”.

A subdelegada quixo destacar a aposta das adegas da Ribeira Sacra pola innovación non só nas instalacións senón tamén no lanzamento de viños que buscan conectar cos gustos cambiantes e diferentes dos potenciais clientes, moi especialmente das persoas novas, obtendo produtos de excelente calidade.

“Así o demostra Abadía da Cova que vén de recibir un “Gran Ouro”, outorgado pola Federación Española de Enólogos, por un dos seus viños brancos, evidenciando o recoñecemento e a calidade na elaboración dos viños do sur da provincia lucense”, subliñou Isabel Rodríguez.