Skip to main content
Sober

Remata a Feira do Viño de Amandi de Sober como reclamo da calidade dos produtos da Ribeira Sacra

Por 3 Abril, 2023Abril 4th, 2023Sin comentarios

Rematou a Feira do Viño de Amandi, do Concello de Sober, despois de tres días intensos nos que a Banda de Música de Sober e o grupo musical Gin Toni’s actuaron para amenizar ditas xornadas.

Ademais, houbo catas de viño, produtos artesanais e produtos da zona da Ribeira Sacra que acompañaron ao produto estrela: o viño de Amandi.

Por outra banda, o humorista e actor Xosé Antonio Touriñán achegouse ata a Feira para dar o pregón, que despois da súa intervención cargada de retranca e humor, Touriñán recibiu as ovacións das centos de persoas.

Neste acto, tamén se deron a coñecer os viños premiados, que este ano recaeron en: Val da Lenda, Regina Viarum e Don Xoán Gullufre, na categoría de tintos; en Don Bernardino. 4ª Generación, na categoría barrica; Don Bernardino, na categoría de brancos; e Regina Viarum, na categoría de rosados.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, destacou que “é un orgullo moi grande como alcalde poder presumir un ano máis dos mellores produtos que este mundo nos pode ofrecer: viño, oleiría, música e, sobre todo, do mellor territorio posible e todo grazas a contar como veciños cos mellores homes e mulleres, que se esforzan para recibir durante todo o ano e, de forma especial, a fin de semana de Ramos a milleiros de visitantes”.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reivindicou o traballo e esforzo dos viticultores e das bodegas locais da Ribeira Sacra para elaborar un viño exquisito, recoñecido en todo o mundo.

O Concello homenaxeado na Feira deste ano foi o de Quiroga, representado polo seu alcalde, Julio Álvarez e a Corporación municipal.