Skip to main content
Taboada

Taboada contará cun grupo de persoas que representarán as Novas Xeracións do Partido Popular

Por 24 Abril, 2023Sin comentarios

As Novas Xeracións do Partido Popular terán representación en Taboada como unha aposta clara do partido pola mocidade, unha iniciativa que se engloba dentro da renovación do partido, que aposta polos máis novos.

Desde o grupo xuvenil aseguran que “o noso programa conta como principal liña de traballo a mocidade e o asentamento de poboación no rural” e o presidente da agrupación é Gabriel García Abelleira, natural da parroquia de San Paio de Arxiz, e técnico de fibra óptica.

En canto á mocidade, o programa recolle o fomento do deporte e en particular a oferta de novos deportes en escolas deportivas de Taboada. “É necesaria as actuacións de mellora no complexo deportivo de A Medela. Tamén temos que cubrir a pista de pádel e acondicionar a pista de tenis para o seu uso e desfrute durante todo o ano, ao igual que pista de fútbol sala”, explican desde as Novas Xeracións.

Neste sentido, subliñan a importancia de fomentar entre os máis pequenos a práctica de deporte, e en especial o fútbol, por ser o deporte que máis adeptos ten no municipio. Desta maneira, as actuacións de mellora no campo de A Medela permitirán que funcione “como eixo vertebrador do deporte en Taboada”, explican.

Ademais, queren potenciar de novo a festa da Xuventude desde o Concello para atraer máis actividade de ocio para os mozos.

En canto ao asentamento de poboación en zonas do rural, unha das iniciativas máis destacadas sería a creación dun coworking coa idea de axudar aos nómadas dixitais a establecerse nas zonas rurais. Para isto, contarase cun edificio con cinco oficinas e unha sala de reunións para novos emprendedores.

A presidenta de NNXX, Rosa Arza, destaca a creación do grupo de Novas Xeracións en Taboada como “primordial para o desenvolvemento das accións xuvenís no municipio” e como unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento do rural.

Ademais, Arza di: “A constitución da agrupación de Taboada enmárcase dentro do compromiso da dirección provincial xuvenil de renovar e aumentar a presenza do Partido na provincia. Estamos a traballar para seguir sumando máis caras novas co obxectivo de renovar as agrupacións locais”.