Skip to main content
Comarca SARRIAXA

Os candidatos á Alcaldía polo PP dos diferentes concellos da comarca de Sarria reuníronse en Samos

Por 6 Abril, 2023Sin comentarios

Os representantes do Partido Popular na comarca de Sarria reuníronse en Samos para celebrar unha xornada de traballo conxunta na que participou, ademais, Miguel Tellado, o vicesecretario de Organización do PP.

Así, Tellado destacou que a Deputación de Lugo necesita un cambio “tras anos de sectarismo”, resaltando o importante papel dos populares no partido xudicial de Sarria para logralo: “É necesario un goberno de todos e para todos, que non mire a cor política de cada concello, senón que cubras as necesidades dos veciños”

Sobre a candidatura de Miguel Gallego, Miguel Tellado recoñece nela “un proxecto de futuro para un Samos mellor, que siga avanzando pese ao abandono ao que foi sometido ao longo dos últimos anos por parte da Deputación de Lugo”.

Por outra banda, tamén asistiu a dita reunión Paula Prado, a secretaria xeral do PPdeG, quen aspira que o proxecto da formación se traslade a toda a comarca de Sarria, poñendo en valor aos candidatos que xa están á fronte de alcaldías “consolidadas” e ás que “moi pronto se sumarán” a este grupo.

Finalmente, Miguel Gallego, candidato á Alcaldía de Samos polo PP, recoñeceu o positivo da súa candidatura en termos de visibilidade e promoción do Camiño Francés que transcorre por Samos e sostivo que “eu veño traballar polos veciños de Samos, non a facer conto”.

“Quero seguir unha liña de traballo para todos por igual e poder representar ao meu pobo como alcalde”, asegurou.

Xunto ao candidato de Samos, participaron tamén nesta xornada de traballo o resto de candidatos e candidatas da comarca: Héctor Corujo (O Incio), José Manuel Mato (Paradela), José Luis López (O Páramo), Carmen José López (Sarria), Olga Iglesias (Triacastela) e Olga Capón (Láncara).