Skip to main content
Comarca SARRIAXALáncaraO IncioO PáramoParadelaSamosSarriaTriacastela

Como se escollen os deputados?

Por 23 Abril, 2023Maio 13th, 2023Sin comentarios

Nos comicios de maio votarase polo Goberno local onde está censado e o voto repercutirá na composición do organismo provincial.

A provincia prepárase para celebrar de novo as eleccións municipais, uns comicios que nos ofrecerán unha renovación dos equipos de goberno á fronte das alcaldías. Pero, ademais, co seus votos, os lugueses tamén escollen a composición da Deputación Provincial, aínda que isto se fai de maneira indirecta, xa que o veciño non vota directamente a un deputado dun partido ou doutro pero si a cor política do voto implicará que o electo sexa dun partido ou doutro.

Actualmente, a provincia está dividida en sete partidos xudiciais ou xuntas electorais que aportan un número de deputados diferente, xa que a poboación é tamén moi distinta.

Así, o máis numeroso é o partido xudicial de Lugo, ou zona centro. O peso poboacional de Lugo lévao a capital e de aí saen 12 deputados, case a metade dos elixibles, que son 25. Ademais da capital súmanse neste grupo os votos dos concellos da contorna, parte da montaña e da comarca sarriá.

A seguinte xunta electoral por tamaño é a de Mondoñedo, onde están incluídos os concellos da Mariña. Elixe seis deputados.

Despois tres xuntas electorais contan con dous deputados cada unha. Son as de Monforte (concellos da Ribeira Sacra e o Courel), Chantada (que engloba a zona da Ulloa) e Vilalba (cos da Terra Chá).

Finalmente, queda un deputado no tinteiro, o que sae dos concellos da zona da Fonsagrada e Ancares e que moitas veces é o que marca a cor política que goberna na Deputación xa que a igualdade foi máxima nos últimos comicios no resto. O pacto entre PSOE e BNG levouse pola mínima diferenza o Goberno da Deputación no 2015 e no 2019 aínda que é o PP o que tivo o maior número de deputados nas dúas ocasións.

Unha vez constituídos todos os concellos, os escanos das deputacións provinciais repártense, por cada partido xudicial, segundo a fórmula D’Hondt, entre aqueles partidos que obtiveron algún concelleiro en cada partido xudicial e segundo o número de votos conseguidos por cada un deles. Os deputados provinciais que corresponden a cada partido político son elixidos, a nivel de partido xudicial, entre e polos concelleiros de cada un deles, que pertencen aos municipios que comprende cada zona.  Tradicionalmente os deputados están divididos a partes iguais en Chantada, Monforte e Vilalba. A representación nacionalista súmase desde os partidos xudiciais máis numerosos (Lugo e Mondoñedo).

Nas últimas eleccións, na de Lugo, 6 dos deputados foron do PP, 4 do PSOE e 2 do BNG. Na Mariña tamén tivo o PP 3, 2 o PSOE e 1 o BNG, polo tanto foi o voto socialista da Fonsagrada o que rompeu o empate.

REPARTO POR CONCELLOS

  • Chantada (2 deputados) Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, e Taboada.
  • Fonsagrada (1 deputado) Baleira, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín.
  • Lugo (12 deputados) Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Friol, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, As Nogais, Outeiro de Rei, Paradela, O Páramo, Pol, Pedrafita, Rábade, Samos, Sarria e Triacastela,
  • Mondoñedo (6 deputados) Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove
  • Monforte (2 deputados) A Pobra de Brollón, Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
  • Vilalba (2 deputados) Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Chantada

  • Pilar García Porto. PSOE
  • Pablo José Taboada Camoira. PP

Lugo

  • José Luis Raposo Magdalena. PSOE
  • Xosé María Arias Fernández. PSOE
  • Pablo Rivera Capón. PSOE
  • Ana González Abelleira. PSOE
  • Maite Ferreiro Tallón. BNG
  • Efrén Castro Caloto. BNG
  • Jesús Manuel Núñez Díaz. PP
  • Francisco Javier Balado Teijeiro. PP
  • José Pardo Lombao. PP
  • José Fernández Vázquez. PP
  • José Ángel Santos Sánchez. PP
  • Oscar Poy Franco. PP

DEPUTADOS ACTUAIS

Fonsagrada

  • Roberto Fernández Rico. PSOE

Mondoñedo

  • Mayra García Bermúdez. PSOE
  • María Loureiro García. PSOE
  • Mónica Freire Rancaño. BNG
  • Javier Jorge Castiñeira. PP
  • José Manuel Gómez Puente. PP
  • Jesús Novo Martínez. PP

Monforte

  • José Tomé Roca. PSOE
  • Lola Castro Ochoa. PP

Vilalba

  • Roberto García Pernas. PSOE
  • Xosé María Teixido Núñez. PP

A comarca ultima os candidatos

Na vila de Sarria, o actual alcalde por Camiña Sarria, Claudio Garrido, volverá presentarse como cabeza de lista para as vindeiras eleccións. O alcalde considera que “tras o traballo realizado nun mandato moi complicado por mor da pandemia e a crise derivada da guerra en Ucraína, Camiña Sarria é a única opción política cun futuro claro, cun liderazgo sólido e con forza e credibilidade para responder ás necesidades da veciñanza”, afirmou Garrido.

Efrén Castro tamén volverá facer o mesmo e encabezará a lista do BNG. Segundo Castro, “darémoslle a Sarria un novo rumbo cun proxecto de Goberno para aproveitar todo o seu potencial”.

Por outra banda, o PSOE escribiu unha carta rexeitando a Benjamín Escontrela como o candidato do partido ás eleccións de maio e desde o partido politico sosteñen que teñen un candidato que non poden presentar por mor de non contar cunha executiva, despois de que o ex presidente do PSOE de Sarria, José Manuel López, dimitira o pasado mes de febreiro. Por isto, aínda non se sabe con certeza quen será o elixido ou elixida como alcaldable polo PSOE.

Porén, Benjamín Escontrela foi elixido como candidato do Partido Socialista de Sarria á Alcaldía do concello sarriao arroupado polo secretario xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, quen destacou “a recoñecida solvencia profesional e política” de Escontrela, “que empeza unha nova etapa co aval dun partido municipalista, como é o PSOE, poñendo por encima de todo ós veciños de Sarria”. “Non vén buscar nada á política, porque non lle fai falta. Só busca o ben de Sarria”, recalcou.

No relativo ao PP, o Comité Executivo designou a Carmen José López Rodríguez como alcaldable polo Concello de Sarria, que aparece no panorama político por primeira vez. Asegura que lle fai “unha grande ilusión este proxecto que ten como obxectivo devolver o esplendor e o seu lugar no mundo á nosa excepcional terra”.

Un dos cambios máis significativos na comarca é o de Samos, pois o actual rexedor, Julio Gallego, deuse de baixa do Partido Socialista, co que gobernaba no municipio e non concorrerá ás próximas eleccións, pechando así a súa etapa longa na Alcaldía desde 2007.

Así, apoia ao seu fillo na súa candidatura polo Partido Popular de Samos, feito que provocou que os socialistas decidiran expulsalo do partido e agora figura como concelleiro non adscrito.

Con respecto ao seu fillo, o alcaldable polo PP de Samos, Miguel Gallego sinalou que a folla de ruta do seu proxecto é a de “traballar por aquilo que é posible facer e que xera benestar ao noso pobo”.

Por outra banda, José Antonio García Jurjo, o tenente de alcalde do Concello de Samos, será o candidato socialista á Alcaldía. Natural de Santalla de Lóuzara, compaxina a súa actividade profesional como graduado social co seu posto como tenente de alcalde no Concello.

A actual voceira e concelleira do BNG en Samos, Chus López, foi a elixida por unanimidade pola asemblea local como candidata para as eleccións. “Saímos a gañar para acadar un Samos mellor, nestes anos traballamos en positivo coa presentación de iniciativas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, mais agora é o momento de continuar con ese traballo”.

No Concello do Incio, Héctor Corujo repetirá como alcaldable polo Partido Popular nas seguintes elección municipais despois de asumir o rol de rexedor durante unha lexislatura, desde o 2019 ata o 2013, a súa primeira vez.

Laura Celeiro volverá a presentarse como candidata dos socialistas polo Concello do Incio, onde xa foi alcaldesa desde 2011 ata 2019, ano no que só cinco votos a distanciaron do seu contrincante, Corujo.

Xa en Láncara, Darío Piñeiro será o alcaldable polo PSOE despois de que os socialistas do municipio decidiran por unanimidade elixir ao actual alcalde do concello como o seu candidato.

O rexedor aspira a ampliar a maioría acadada hai catro anos, contando “cun equipo consolidado e con experiencia de xestión”, que reforzará a súa candidatura. Piñeiro, ademais, presumiu nas súas redes sociais sobre a fichaxe de Alba Sangil para o PSOE do municipio, “que conta con fondas raíces políticas”, como explicou, xa que é neta de José Sangil, alcalde de Láncara entre 1979 y 1983.

Pola súa banda, Iago Bande Cortizo foi elixido pola asemblea local do BNG de Láncara como candidato, de novo, á Alcaldía. Bande asume o reto “para que Láncara avance, desde a transparencia, a participación veciñal, a boa xestión e as ideas claras nun proxecto que emocione á veciñanza”, defendeu.

Con respecto ao Partido Popular, Olga Capón será a candidata que porá o foco “na escoita activa, no contacto directo coa veciñanza e no fomento da participación para dar aos cidadáns os servizos sociais e as infraestruturas”, precisou.

No relativo ao Páramo, José Luis López, actual alcalde do municipio co partido político de Todo polo Páramo, e que conseguiu ser alcalde gracias ao apoio do seu grupo e do concelleiro do PSOE Pablo Armesto, intégrase para estas eleccións no Partido Popular.

Pola banda do Partido Socialista, Pablo Armesto deixa a política despois de moitos anos “apostando pola cultura do Páramo, algo que non vou deixar de facer” e será José Manuel Gayoso o que se lidere a lista dos socialistas como candidato ao Concello do Páramo.

Tamén, Gumersindo Rodríguez Liz, exalcalde do Páramo, preséntase polo partido político Alternativa Veciñal polo Páramo.

Con respecto a Triacastela, a actual alcadesa Olga Iglesias, que goberna baixo as siglas do PP, é tamén a candidata dos populares ás vindeiras eleccións, renovando o seu cargo por outros catro anos. “Hai que vivir con ganas, ilusión e vocación porque queremos seguir traballando no pobo”, defende a candidata.

No caso dos socialistas, estes concurrirán ás eleccións con Miguel Ángel Fernández como cabeza de lista para intentar conseguir a Alcaldía triacastelá.

Por último, no municipio de Paradela, o actual alcalde, José Manuel Mato, presentarase ás eleccións para volver representar ao PP no municipio. Se sae elixido, cumprirá o seu duodécimo mandato como alcalde, xa que leva desde o ano 1979 ao fronte da localidade. O popular José Manuel Mato é unha das figuras máis representativas do Partido Popular en Lugo, xa que leva varias maiorías absolutas nas diversas eleccións ás que se enfrontou.

No caso dos socialistas, Iván Castro foi o elixido para encabezar a lista do PSOE de Paradela, quen se prsenta “motivado para “modernizar o Concello e alcanzar os tres puntos clave do programa que desenvolveremos, que son o medio rural e a gandaría, o impulso industrial para a creación de empregos a través do polígono industrial e das empresas do municipio e a atención aos nosos maiores, para que Paradela se alonxe da despoboación e sexa un lugar de referencia para vivir”.