Skip to main content
Comarca SARRIAXA

Dúas pezas da Igrexa de Santiago da Veiga de Sarria poderán ser incluídas no catálogo de bens culturais

Por 21 Abril, 2023Abril 22nd, 2023Sin comentarios

O Colectivo Patrimonio dos Ancares fixo unha excursión ata a parroquia de Santiago da Veiga, en Sarria, onde puideron ver dúas pezas que descoñecían e que non figuran catalogadas por Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que o colectivo procedeu a comunicar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia para que se inclúan no catálogo de bens culturais.

Contan que na parede oeste da igrexa foi reutilizada “unha pedra granítica que conserva un petroglifo formado por unha combinación de catro círculos concéntricos cunha coviña no centro cuxo diámetro máximo é de 25 centímetros”.

Por outra parte, explican que “pola súa tipoloxía hai que encadralo dentro dos gravados rupestres da Idade do Bronce” e cren que podería ter un significado simbólico-relixioso  asociado a lugares onde se practicaría algún tipo de ritual.

Así, recoñecen que na provincia de Lugo son moi escasas as gravuras deste período reaproveitadas noutras construcións, “nós só coñecemos dúas situadas en Froxán e Proendos, no concello de Sober”.

Por outra banda, tamén lles chamou a atención outra peza situada na parte máis baixa da parede por ser reaproveitada, pero tamén por presentar motivos escasos na provincia de Lugo e en Galicia.

“Trátase dun interesantísimo motivo decorativo formado por un complexo entrelazado en altorrelevo, cun círculo na parte superior e dous círculos máis na inferior, cunhas características que podemos identificar coa plástica castrexa”, argumentan.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares explica que a parte dereita está delimitada por unha figura en sogueado e a pedra, rectangular, ten unhas medidas de 52 por 32 centímetros.

“Pode que formara parte dunha composición máis grande e os motivos teñen unha certa semellanza cos atopados no castro de Rubiás, no concello ourensán de Bande, tipoloxía que tamén se documenta en Fontefría (Amoeiro), Medeiros (Monterrei), Santa Trega (A Guarda) ou o recentemente documentado polo Colectivo A Rula en San Vicente de Fervenzas, no concello coruñés de Aranga”, explican.

Por último, din que descoñecen a función desta peza, pero cren que formaría parte dunha construción de relevancia.

Petroglifos do Concello de Sarria

Dos máis de trinta grupos con petroglifos existentes no Concello de Sarria, o Colectivo Patrimonio dos Ancares di coñecer tres, que presentan combinacións formadas por máis de dous círculos concéntricos, “o último descuberto por nós no ano 2020 na Serra do Páramo, non moi lonxe da capela do San Marco”, sosteñen. A maioría, argumentan, “están compostos por coviñas, cruciformes, liñas e quizais algún podomorfo”.