Skip to main content
Deportes SARRIAXASarria

As xogadoras do CB Sarria que foron convocadas pola Selección Galega volveron satisfeitas

Por 12 Abril, 2023Abril 13th, 2023Sin comentarios

María Parga e María Grandas, as xogadoras do CB Sarria, convocadas pola Selección Galega para disputar o campionato de España Minibasket, volveron contentas e satisfeitas do evento.

As pequenas, que pertencen ao equipo mini Autovalfer e tamén xogan co preinfantil Casa Barbadelo, trasladáronse ata Salou (Tarragona), durante cinco días, do 1 ao 5 de abril, para demostrar o traballo que viñan facendo desde hai dous anos.

A Selección Galega Feminina estivo dirixida por Adrián López Armesto, o primeiro seleccionador sarriao, que é adestrador no CB Sarria de dous equipos, o mini masculino Oribio Construcciones e o junior feminino Castro Agrasar, ademais de coordinador da Escoliña de Basket.

Neste campionato participaron 19 seleccións autonómicas, das que a galega foi representada por estas dúas nenas de Sarria e outras guiadas por Adrián López. Así, enfrontáronse contra Baleares, Castela-León, Andalucía, Canarias e Aragón.

Resultados do campionato

Con respecto aos resultados, Adrián argumenta que está moi “contento” do rendemento , porque “ao final perdemos con seleccións de nivel parexo ”.

Ademais, di que “acabar gañando contra Aragón deixounos bo sabor de boca” e que acadaron un “meritorio sétimo posto”.

“É un grupo marabilloso, tanto dentro como fóra da cancha, porque se esforzan por mellorar, e deste xeito vense os resultados despois de dous años de traballo”explica o adestrador.

Por último, con respecto do campionato, dixo que “sobre todo, o noso obxectivo é que desfrutaran da experiencia e da grande responsabilidade que é representar a Galicia nun campionato de España”.

Tanto as dúas xogadoras como o seleccionador están moi agradecidos coas oportunidades que lles dan dende o CB Sarria, xa que “sen eles, eu non sería nada”, di Adrián.

“Cada ano refórzanme máis e eu débome aos resultados que acado co meu club”, e iso para el é un orgullo, di, o mesmo orgullo que sente polo gran rendemento no campionato das dúas Marías.