Skip to main content
Láncara

A presentación do proxecto Fundación Agricolae Mundi acolleu a visita de varias institucións

Por 2 Abril, 2023Abril 3rd, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron na presentación da Fundación Agricolae Mundi que se celebrou no MUVICLA de Láncara co gallo da incorporación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnico Agrícolas da provincia de Lugo.

Rodríguez, pola súa parte, destacou a aposta do Goberno de España pola cooperación internacional para dar resposta aos desafíos urxentes como as actuais crises alimentaria, climática e enerxética.

Ademais, lembrou que en febreiro do 2023 aprobouse a nova lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, impulsada polo Goberno, para mellorar a cooperación, cun novo marco legal para a cooperación española que a fará máis eficaz, máis áxil para responder aos novos retos globais e máis transparente.

“Porque a cooperación ao desenvolvemento é investimento en benestar e é investimento en futuro”, engadiu. A subdelegada agradeceu aos integrantes deste colectivo o seu traballo e altruísmo e felicitounos “por dar un paso adiante e ser un motor de cambio na sociedade”.

Intervención do conselleiro

Pola súa parte, José González puxo en valor a aposta do goberno galego por un rural vivo, competitivo e innovador. Neste senso, lembrou as liñas de axudas destinadas á incorporación de persoas mozas ao agro, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións.

Por outra banda, o conselleiro do Medio Rural puxo de relevo o labor que desenvolve a Fundación Agricolae Mundi, que leva a cabo un exercicio real de solidariedade transmitindo coñecemento e formación -tanto sos como en cooperación con outras entidades- enfocado a xentes e territorios que precisen de apoio e desenvolvemento en calquera lugar do mundo.

Ademais, referiuse ao Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria como unha verdadeira ventá ao patrimonio arqueolóxico e industrial agrario de Galicia.

No acto, tamén participaron o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o deputado provincial, Pablo Rivera; o conselleiro de Medio Rural, José González; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez; e o presidente da entidade, Miguel Agulló.