Skip to main content
Sarria

O alcalde de Sarria requírelle á Consellería de Cultura de Lugo que adopte medidas nas casas dos mestres

Por 14 Abril, 2023Abril 15th, 2023Sin comentarios

Despois de que o Partido Popular de Sarria presentara no último pleno do Concello de Sarria unha moción contra o goberno local apoiando as peticións da Anpa do colexio Frei Luís de Granada con respecto á situación das vivendas escolares, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, remitiu á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Lugo o certificado do acordo plenario adoptado.

Claudio Garrido, no seu escrito, lembroulle á Consellería que os inmobles, de titularidade municipal, están afectados para o uso público de vivendas escolares do CEIP Frei Luís de Granada. Por iso, “como titular de dito uso”, requírelle que adopte “con carácter urxente” as medidas precisas para garantir a seguridade do inmoble e “as que sexan necesarias para impedir o acceso de persoas alleas ao interior do recinto e das vivendas”.

A Anpa do Frei Luís de Granada pide a desafectación destes inmobles, “que levan desde os anos 2000 abandonados e ocupados por persoas que deixan xeringas e suciedade ao lado dun centro educativo público”.

Desde o centro educativo esixen que, feita a desafectación e o consecuente derrubamento destes edificios, se constrúa un parque infantil cuberto e adaptado ás necesidades educativas onde os nenos e nenas poidan desfrutar das tardes ao saír do colexio.