Skip to main content
Sarria

O Comité de Empresa de Inelcom reuniuse co goberno local de Sarria para abordar o ERE da empresa

Por 20 Abril, 2023Abril 21st, 2023Sin comentarios

Os integrantes do Comité de Empresa de Inelcom mantiveron unha reunión co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, quen se comprometeu a mediar e apoialos na interlocución tanto coa empresa como coas administracións que sexa necesario para tratar de “limitar e minimizar” o ERE anunciado.

Claudio Garrido precisou que o Comité de Empresa descoñece o alcance real dos axustes de persoal previstos, que previsiblemente lle serán comunicados nunha reunión á que están convocados o vindeiro día 27 de abril e que abrirá un período de negociación dun mes. Por tal motivo, acordaron esperar a dispór de toda a información para convocar un novo encontro con todos os grupos políticos representados na Corporación Municipal para avaliar os posibles escenarios e as decisións e medidas a adoptar.

“A postura do Comité de Empresa na defensa dos postos de traballo é totalmente coherente e os políticos debemos abordar este problema desde unha perspectiva institucional e non preelectoral, porque a nosa obriga, en primeiro lugar, é garantir a continuidade da empresa en Sarria e apoiar as reivindicacións dos traballadores para minimizar o impacto de calquera recurte de postos de traballo”, explicou o alcalde.

Claudio Garrido considera que se os axustes de persoal debido ao descenso da actividade son inevitables para garantir a viabilidade da empresa, “o seguinte obxectivo será minimizar o alcance e tratar de converter o ERE nun ERTE ou ben negociar baixas voluntarias ou prexubilacións”. Neste senso, tamén apuntou como unha posibilidade a estudar a recolocación de traballadores noutras unidades de negocio do grupo, sempre e cando as condicións sexan pactadas e a empresa se comprometa en firme a asumir o custo da formación e reciclaxe necesaria.

Ao remate da reunión, o rexedor sarriao tamén anunciou a súa intención de reunirse co seu homólogo de Xátiva para poñer ideas en común, tendo en conta que o centro de Inelcom nesa localidade se atopa nunha situación semellante á de Sarria.