Skip to main content

Por Julio Díaz

O concepto de interculturalidade é a peza clave para posicionarse de maneira rotunda nunha defensa dos dereitos humanos como universais e da igualdade por riba das diferenzas.

A interculturalidade non pode admitir xamais asimetría algunha. Hai moitas -económicas, sociais, políticas… – e todas elas deben ser combatidas. Pero a nós, como educadores, correspóndenos directamente combater as propiamente educativas, que tamén existen. O sistema educativo debe ser adaptativo e transformador, considerando as diversas realidades económicas e socioculturais, nun marco de interacción comunicativa.

Debemos partir do axioma fundamental de que non existen culturas mellores nin peores. A natureza é moi diversa e non hai cousa máis xenuína no ser humano que a súa diversidade.

A escola do Século XXI, debe saber que as persoas que a integran son moi diversas á hora de adquirir ou xerar coñecemento e isto é así porque teñen diferenzas cognitivas, afectivas e sociais, ademais doutras de xénero, étnicas ou culturais. Compartir e aceptar esta realidade implica un proxecto que non se refire a rapazas/rapaces hipotéticas/os, senón a un proxecto comprensivo, único e diverso que permita novas formas de sociabilidade e cuxo epicentro sexa a diversidade e non a uniformidade.

Na aceptación dunha nova sociedade pluricultural, é preciso recoñecer a importancia da educación á hora de ofrecer unhas respostas adecuadas ás distintas necesidades sociais. Por iso, a educación na diversidade non debe ser fonte de enfrontamento, senón un compoñente máis que enriqueza a nosa cultura. O feito de que os nosos alumnos procedan de culturas diferentes, lonxe de supor un problema, debemos expolo como unha excelente oportunidade para educalos en valores máis diversos.

Nós, os docentes, temos a función de mediar con eficacia no diálogo entre culturas, o que nos leva a intentar acadar que as/os nosas/os alumnas/os recoñezan e acepten a diferenza cos outros como un valor, considerando esta, como unha diversidade enriquecedora e non como unha desigualdade.

Debemos difundir unha cultura de conciliación, o que esixe reclamacións sociais entre persoas de igual a igual, que sempre se producirán polo recoñecemento mutuo e nunca polo poder dominante dunha raza, cultura ou sexo.

Tamén debemos ser capaces de concretar nas/nos nosas/os alumnas/os a capacidade de buscar sempre solucións negociables, intentando descubrir os valores do outro, destacando sempre o que nos une máis que o que nos separa, de maneira que se chegue a puntos de encontro.

Gustaríame rematar esta reflexión citando unha recomendación do Consello de Europa:

“ Unha pedagoxía intercultural non é xustaposición de materias culturais, nin unha amalgama das mesmas. O obxectivo que se persigue é un enriquecemento e comprensión mutuas a través da aprendizaxe baseadas sobre o fondo cultural de cada un, a fin de que se respecte a cultura de cada quen, se valore aos ollos dos demais, e que a práctica se apoie sobre unha realidade cultural en vez de negala”.