Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Inclusión porá en marcha un centro de acollida de refuxiados en Castro de Rei

Por 4 Abril, 2023Sin comentarios

O centro acollerá a unhas 250 persoas solicitantes de protección internacional e terá espazos deportivos deseñados polo COE.

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións acordou coa Deputación de Lugo a posta en marcha dun centro de acollida de protección internacional (CAPI) en Castro de Rei. O desenvolvemento deste centro será posible grazas á cesión realizada pola Deputación dunha parcela de case 43.000 metros cadrados, na que se sitúa o antigo Hospital de San Rafael.

O ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, transmitiu ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o seu agradecemento pola colaboración para facer posible que Galicia e, en concreto este municipio, participe na integración das persoas solicitantes de protección internacional que acceden ao sistema de acollida.

A construción dun CAPI en Castro de Rei, igual que os anunciados en Mérida, Soria, Valladolid, Azuqueca de Henares, Parayas, Vitoria-Gasteiz e Tàrrega, enmárcase nas actuacións previstas no compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cuxo obxectivo é ampliar a capacidade do sistema de acollida mediante a creación de 5.700 novas prazas.

O centro de Castro de Rei, cuxas obras comezarán o ano que vén, terá unha capacidade para 250 persoas nun recinto no que haberá espazos comúns, ademais do comedor, talleres e espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español (COE). O Ministerio realizará un investimento duns 12 millóns de euros. A posta en marcha do CAPI xerará un importante impacto económico na zona, debido a que se estima a creación de entre 20 e 25 empregos directos, e uns 45 indirectos.

Pola súa banda, o presidente provincial sinalou que “a satisfacción hoxe, é enorme e é dobre, porque conseguimos recuperar para uso público estes terreos públicos grazas á iniciativa e ao apoio do Goberno do Estado, co que mantemos unha excelente relación, e facémolo cun proxecto de alto valor social, que prestará unha atención adecuada e inmediata a esas persoas que, desgraciadamente, teñen que saír dos seus países de orixe por unha situación de emerxencia”.