Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Traballadores do Grupo Sada mobilízanse pola continuidade dos seus empregos

Por 28 Abril, 2023Sin comentarios

O comité de empresa do Grupo Sada PA SA celebrou unha concentración este xove, entre ás 13 e ás 15 horas, diante do matadoiro que a empresa ten en Castro Ribeiras de Lea, para reclamar garantías na carga de traballo nas instalacións e a continuidade de todos os empregos.

Como indican os responsables dos traballadores, a empresa atópase nun proceso de redución progresiva do cadro de persoal mediante a finalización das contratacións temporais e a negociación de saídas voluntarias, iniciado tras a marcha do servizo de despece para Mercadona. Pero ademais, a compañía xa avanzou a posibilidade de despedimentos entre o cadro de persoal fixo, nomeadamente na sala de despece, a partir do mes de xuño.

A CIG explica que aínda que o comité vén reclamando carga de traballo para a totalidade do cadro de persoal, acorde coa capacidade produtiva das instalacións, nestes momentos a empresa non garante a actividade no matadoiro lugués. “Non é de recibo que, logo da integración no grupo agroalimentario ‘Vall Companys’ e cun anuncio a ‘bombo e platillo’ das garantías para as nosas instalacións, non exista unha previsión suficiente para dimensionar a carga de traballo ás instalacións de Castro Ribeiras de Lea”, denuncia o comité.

Para denunciar esta situación de abandono e falta de solucións para unha parte moi significativa do persoal “que a empresa sitúa na rúa”, o comité acordou celebrar esta primeira concentración, coincidindo co cambio de quenda. Mais tamén porque “a ameaza ao persoal máis precarizado (persoal afectado polo abuso dos falsos autónomos), non deixa de ser unha ameaza para a totalidade do persoal da nosa factoría”.