Skip to main content
Comarca SARRIAXAFriol TERRACHÁXALugoMonforte

A Rede Museística Provincial organiza as XXI Xornadas Pedagóxicas centradas no rural

Por 20 Abril, 2023Abril 21st, 2023Sin comentarios

A Rede Museística Provincial de Lugo presenta as XXI Xornadas Pedagóxicas que levan por título A educación na RMPL centrada nos vínculos. Territorio, patrimonio e comunidade: educar no rural.

Durante os días 3, 5, 24 e 25 de maio os museos da rede acollerán estas xornadas organizadas coa colaboración do Centro de Formación e Recursos de Lugo, Consellerría de Educación da Xunta de Galicia e están coordinadas por Encarna Lago González e Marta Arias.

A Rede Museística defende “o museo social, sostible, igualitario e inclusivo e promove os museos sempre en construción como espazos socioafectivos, lugares de vida e de convivencia para todas as persoas”. Así pois, considéranse os museos como “axentes de transformación social a través da educación e para conseguilo hai que dialogar coa comunidade, poñer as persoas no centro e darlles voz”.

Por todo o anterior dende a Rede de Museos Provinciais consideran imprescindible “reforzar os vínculos dos museos coa comunidade educativa e ofrecer un plan de formación que axude a cumprir o obxectivo de que o profesorado conte cunha formación específica para a educación nos territorios rurais.”

A primeira xornada celebrarase o 3 de maio no Museo Provincial de Lugo e dará comezo ás 16.00 cunha presentación das xornadas e entrega de material.

A continuación ás 16.15 dará comezo A escola imaxinada. Unha pedagoxía creativa do lugar, por Salvador Cidrás e Vicente Blanco, artistas plásticos, profesores da área de Expresión Plástica da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo e promotores do grupo de innovación educativa Escola  Imaxinada.

Ás 17.30 será a quenda de Escola rural: soño ou realidade, por Alejandro González Méndez, mestre de Ensino Primario e responsable do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela e Noelia Pillado Fraga, mestra de Ensino Primario e responsable do CEIP de Samos. Entre as 18.15 e as 18.45 terá lugar un pequeno descanso para continuar con Introdución á programación escolar do MPL a través de casos prácticos, a cargo dos auxiliares de sala dos departamentos de Didáctica e Atención ao Visitante da RMPL.

A segunda xornada celebrarase o 5 de maio no Museo Fortaleza San Paio de Narla e dará comezo ás 16.45 con A educación patrimonial centrada nos vínculos, por Olaia Fontal Merillas, doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Oviedo, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España.

Ás 18.00 será a quenda de A programación escolar do Museo Fortaleza San Paio de Narla, a cargos dos auxiliares de sala da RMPL e entre as 19.00 e as 20.15 celebrase un debate e a clausura.

O Museo Pazo de Tor acollerá a terceira xornada que se celebrará o 24 de maio e dará comezo ás 16.45 con  Relecturas do patrimonio etnográfico desde a educación no Museo do Pobo Galego, por Ana Estévez Lavandeira, responsable de Educación e Acción Cultural do Museo Pobo Galego.

Despois do descanso que será de 17.30 a 17.45 a xornada continuará con A programación escolar do Museo Pazo de Tor, a cargo dos auxiliares de sala da RMPL e entre as 19.00 e as 19.45 celebrarase o debate e clausura do día.

A cuarta e última xornada tamén terá lugar no Museo Pazo de Tor o 25 de maio ás 16.45 con Educar para a utopía, por Gemma Carbó, doutora en Ciencias da Educación, directora do Museu Vida Rural da Fundación Carulla (L’Espluga de Francolí, Tarragona) e presidenta de Interarts.

Ás 17.30 celebrarase o descanso para continuar ás 17.45 con A programación escolar do Museo Provincial do Mar, a cargo dos auxiliares de sala da RMPL.