Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol acollerá as sétimas xornadas de dinamización do medio rural

Por 25 Abril, 2023Abril 26th, 2023Sin comentarios

Tras tres anos sen celebrarse regresan esta fin de semana a localidade friolesa de Carballo as Xornadas de Interpretación e Dinaminación do Medio Rural, que terá lugar estes sábado, 29 de abril, organizadas pola Asociación Cultural Carballo Vivo.

Estas xornadas, que chegan á súa oitava edición, pretenden contribuír a promover o interese pola cultura e tradicións dos diferentes lugares que forman o Concello de Friol, ademais de supor unha oportunidade para analizar a situación do rural e poder coñecer experiencias e estratexias que permitan contribuír a impulsar iniciativas de desenvolvemento cultural, social e económico.

Entre os obxectivos desta xornadas figuran proporcionar espazos de encontro, intercambio e formación entre os veciños para afondar no coñecemento da historia e patrimonio. A integración de todos os colectivos é tamén un dos eixes destas xornadas, que están abertas a todos os públicos.

O centro social de Carballo acollerá a programación, que dará comezo ás 11.30 horas para falar de hábitos saudables para mellorar a circulación, con dous especialistas médicos de prestixio. Ás 17.00 horas, o xerente da cooperativa A Carqueixa, Román Sáchez Besteiro, fará unha exposición do que supón esta iniciativa xerando valor para o campo.

Continuará a sesión falando de autoconsumo colectivo e comunidades enerxéticas para loitar contra o prezo da luz. Estará a charla ao cargo de Xosé Manuel Golpe, consultor especializado.

Sobre as 20.00 horas daranse por concluídas as ponencias cuns petiscos e unha foliada, da que se ocupará Xesta Verde. Ás 21.00 horas, como colofón, está previsto un roteiro nocturno polos montes de Carballo ao encontro do lobo.