Skip to main content
Guitiriz

“Os nosos puntos fortes son a atención, a reparación e o servizo posvenda”

Por 2 Abril, 2023Abril 3rd, 2023Sin comentarios

Antonio e Daniel Veres son os responsables de Agrícola Veres, situada en Guitiriz.

Cando nace a empresa?

Comezamos no ano 1987 como unha empresa de recambios e produtos de maquinaria agrícola. Empezamos traballando nun local pequeno duns 100 metros cadrados e de aí trasladámonos a onde estamos agora, unha nave máis grande na que montamos un taller de reparación, venda de maquinaria agrícola e xardinería.

Nos primeiros anos a empresa era una sociedade, eramos dous socios e tiñamos dous centros de traballo, un en Lugo e outro aquí en Guitiriz.  No ano 2015 iso cambiou e eu quedeime co local de Guitiriz e pasei dunha sociedade a unha persoa física, pero os traballadores, as instalacións e servizo técnico mantivemos o mesmo, sen cambios.

Naquel momento incorporamos algúns elementos que antes non tiñamos como a marca Stihl e actualmente traballamos de todo pero en vendas estamos máis enfocados a xardinería e maquinaria pequena, recambios e taller de reparación e servizo técnico.

En que consiste o servizo posvenda?

O servizo posvenda consiste en que nós traballamos a venda de maquinaria, pero non exclusivamente, ofrecemos un servizo de reparación en taller e servizo técnico. A nosa relación co cliente non remata coa venda dun produto e non dependemos de terceiras persoas para realizar o servizo técnico dos produtos que vendemos.

Cales son as claves para manterse tantos anos abertos?

Os nosos puntos fortes como empresa son o traballo constante, o servizo ao cliente, que é moi importante, e as reparación e o servizo posvenda. Hoxe en día os clientes demandan algo máis que a venda, queren tamén un servizo de acompañamento posterior. Dar este servizo de taller a longo prazo aporta unha confianza e unha clientela coñecida, a xente sabe como traballas e valora ese traballo.  Non é só vender por prezo, hai xente que vai a un sitio e non só mira o prezo, mira tamén o servizo que ten despois, que é fundamental.

Hai algunha novidade dentro do seus produtos?

Unha das novidades que temos actualmente e que está tendo boa acollida son as máquinas de batería da marca Stihl, unha das marcas que máis traballamos e quizais a máis punteira.

As máquinas de baterías estanse introducindo e están tendo moi boa aceptación no mercado para pequenos compradores e particulares. Presenta algunhas vantaxes coma que supoñen un aforro, non tes que ter a gasolina na casa e son un produto máis limpo e que contamina menos, que é importante tamén.

O consumo de cargar unha batería non ten un custe importante, ademais aporta tamén comodidade e está tendo un impacto importante no mercado. As baterías de hoxe van moi ben, son rendibles e é o futuro, segundo os expertos camiñamos por aí.

Que lle recomendaría a alguén que adquire un produto destas características por primeira vez?

Á hora de comprar é importante buscar un produto de calidade e que ofreza unhas garantías,  non todos os produtos son iguais, ademais é importante tamén ter un bo servizo.  Nós ofrecemos asesoramento neste punto.