Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

As Pontes acolle o Campionato Galego de Vela clase Vaurien

Por 29 Abril, 2023Sin comentarios

O lago das Pontes acolle esta fin de semana, o Campionato Galego da clase Vaurien 2023, organizado polo Club de Vela Fluvial de As Pontes e a Real Federación Galega de Vela coa colaboración do Concello das Pontes.

Na proba, na que participarán 20 embarcacións, destaca a presenza o actual campión de España absoluto da clase, o vigués Tone Pérez que nesta ocasión navegará acompañado da actual campioa de España feminina, a poiense Paula González.

Entre os clubes participantes que visitan As Pontes atópanse entidades deportivas como as viguesas do Real Club Náutico de Vigo e Club Marítimo de Canido, o Náutico Rodeira de Cangas, os veciños do Club Náutico Ría de Ares, o Real Club Náutico de A Coruña, ou a guardesa do Club Deportivo Alagua.

Polo bando local participan 4 embarcacións compostas polas tripulacións xuvenís conformadas por Carla Pérez e Carlos Lefler, así como Nano Torres que o fará coa súa irmá Marta Torres (RCN A Coruña) ó timón.

Na categoría absoluta destaca a participación de Roi García coa súa habitual proel Noemí Casal (CN Ría de Ares) así como Javier de Villota e Alba Díaz (Marina Coruña).

Na flota local pontesa serán baixas nesta regata os xuvenís Javier Martínez que, xunto con Nano Torres, ven de facer un destacado 4º posto xuvenil no campionato de España disputado en Semana Santa en Laredo, e María Lefler.

Durante as tres xornadas de competición desenvolveranse ata 9 probas, tres por cada día de competición das que, polo menos, terán que completarse un total de dúas para dar por válido o campionato Galego de Vaurien 2023.

A oficina de regatas abriu as súas portas ás 10 da mañá, coa confirmación da inscrición. Ás 13:00 horas está prevista a reunión de patróns e ás 15:00 horas, se as condición meteorolóxicas o permiten, darase a saída á primeira manga do campionato.

O domingo 30 e o luns 1 de maio o sinal para a saída da primeira manga está prevista para as 11:30 horas. Este último día quedando para as 17:00 a entrega de premios coa presenza de autoridades locais e federativas.