Skip to main content
Vilalba

Isabel Rodríguez presenta en Vilalba ‘MAVI: A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero’

Por 26 Abril, 2023Abril 27th, 2023Sin comentarios

A maleta conta con doce libros coa idea de que todas as mulleres, independentemente da franxa de idade, poidan formar parte do proxecto.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, xunto á alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, presentou onte na biblioteca municipal o proxecto MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero, unha iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno que achega libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista ás veciñas e veciños.

Tal e como indicou Rodríguez, “trátanse de textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades, á vez que ampliamos os puntos de vista para un problema que nos compete a todas e todos poñerlle fin”.

A subdelegada e a rexedora, acompañadas da xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, e das traballadoras do CIN de Vilalba, coincidiron na importancia deste tipo de propostas encamiñadas á concienciación e sensibilización da cidadanía en igualdade para que a sociedade no seu conxunto comprenda que a violencia machista debe ser erradicada das vilas e cidades.

Durante o acto de presentación, Isabel Rodríguez agradeceu ao Concello de Vilalba a súa implicación neste proxecto, que permanecerá tres meses no municipio, “porque a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión de país na que todos debemos estar implicados e o labor que realizan os municipios está a ser e seguirá sendo fundamental”, engadiu.

A subdelegada explicou que a maleta de Vilalba súmase ás de Quiroga e o Centro Penitenciario de Monterroso. En total, son 3 as que están a percorrer a provincia con este material que seguirá a súa viaxe en centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero e servizos sociais dos municipios que soliciten a maleta. Ditas maletas xa fixeron parada nos Concellos de Viveiro, Sarria e o Centro Penitenciario de Bonxe.

Libros para todas as idades

A maleta conta con doce libros coa idea de que todas as mulleres, independentemente da franxa de idade, poidan formar parte do proxecto. Así mesmo, a maleta contén un diario de viaxe para que as persoas participantes compartan as súas reflexións sobre as lecturas e experiencias neste tema.

Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como Insolación, de Emilia Pardo Bazán; Soy una niña rebelde, de Elena Favilli e Francesca Cavallo; Maternidades S.A. El negocio de los vientres de alquiler, de Laura Nuño; El lunes nos querrán, de Najat el Hachmi; La revuelta de las putas, de Amelia Tiganus; ou La tierra de las Muejeres, de Sandra Barneda, entre outros.