Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A CIG Saúde A Mariña di que pacientes da Mariña teñen que ingresar no HULA pola falta de internistas no hospital

Por 1 Maio, 2023Maio 2nd, 2023Sin comentarios

A CIG-Saúde denuncia que estanse derivando cara ao Hospital de Lugo, HULA, pacientes de Medicina Interna que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca. Advirten que detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal.

A central sindical explica que, a falta de especialistas en Medicina Interna que vén arrastrando de xeito constante este centro hospitalario, 5 efectivos dos 10 existentes para atender urxencias, consultas externas e pacientes ingresados,  sumado á alta ocupación de pacientes a cargo de Medicina Interna (ata 60 pacientes ingresados en días pasados), provoca que se incumpran os ratios recomendábeis para ofertar unha atención de calidade (8 pacientes por especialista), chegando a ter asignados cada un dos especialistas ata 19 pacientes por quenda, unha cifra totalmente inasumible que pon en risco a saúde tanto dos pacientes como dos propios profesionais.

Ante esta situación, a dirección do centro decidiu que o Hospital da Mariña, “non vai asumir máis de 35 pacientes ingresados polo que,  a partires de aí,  cada novo paciente a cargo de Medicina Interna que precisa de ingreso, derivase ao HULA e é por isto que,  veciños e veciñas da Mariña, hoxe si e mañá tamén, sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo ata reducir o número de ingresados ao máximo establecido de ocupación”.

A sobrecarga asistencial levou á fuxida de profesionais.

O Hospital da Mariña leva anos cun importante déficit de persoal, tamén entre o persoal facultativo, que lonxe de arranxarse estase agravando cada vez máis.

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións que a sobrecarga asistencial á que a dirección somete ás traballadoras e traballadores, provocaron e provocan unha fuxida masiva de efectivos cara a outros centros sanitarios onde lles ofertan mellores contratos, respectan os seus dereitos, e poden desenvolverse profesionalmente. “A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe atopámonos sen persoal facultativo dabondo para cubrir as necesidades básicas en materia de saúde da comarca e que os pacientes que deberan estar ingresados no Hospital da Mariña atópanse a máis de 100 Km arrastrando con eles as súas familias”, reiteran.

Por iso, responsabilizan da situación sanitaria do Hospital á equipa directiva do centro e ao máximo responsable da Área Sanitaria Ramón Ares, “que dende o seu despacho situado no HULA ignora as necesidades en materia de saúde da poboación da Mariña”

Unha vez máis dende CIG Saúde A Mariña berramos aos responsables desta situación “solución ou dimisión”.