Skip to main content
BurelaComarca AMARIÑAXA

A CIG Saúde recolle máis de 500 sinaturas para a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña

Por 4 Maio, 2023Maio 5th, 2023Sin comentarios

CIG Saúde A Mariña impulsou unha recollida de sinaturas entre as traballadoras/es reclamando que se cumpra a normativa do Sergas, e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil pública para nenos e nenas de 0 a 3 anos e así favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Desde CIG Saúde A Mariña solicitan a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña (ao igual que noutros hospitais Sergas) co obxectivo de axudar a conciliar a vida familiar e laboral, que abra de 7.30 a 22.30 horas durante todos os días da semana, incluídos festivos.

“A escola debe ser un lugar de socialización, afecto e desfrute onde se cubran todas as necesidades infantís; saúde, hixiene, descanso, xogo e afecto, nun ambiente cálido e acolledor”, din dende a CIG.

“A gardería debe constar con dependencias acondicionadas e cun proxecto educativo propio adaptado á idade do neno/a, levando a cabo unha serie de obxectivos xerais en cada unha das etapas”, engaden, “débese dar unha gran importancia tanto ao desenvolvemento harmónico, físico e psíquico como á autonomía do neno/a, xa que o primeiro ciclo de educación infantil é clave para as seguintes etapas da súa vida”.

Entenden que “é obriga da administración cumprir a súa propia normativa e poñer a disposición das traballadoras e traballadores medidas de conciliación para favorecer o coidado das crianzas en horario laboral”. Unha medida imprescindible para que aquelas mulleres que decidan libremente ter fillos non se atopen con trabas que lles fagan elixir entre ser nai ou desenvolverse profesionalmente.