Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A Mariña mantén as súas 18 bandeiras azuis

Por 5 Maio, 2023Sin comentarios

Este ano A Mariña volve contar con 18 bandeiras azuis segundo a información que deu a coñecer a Fundación Europea de Educación Ambiental. Así, todos os concellos da Mariña terán polo menos unha praia con bandeira azul este verán.

Galicia logrou 113 bandeiras azuis e España obtivo 729, das que 627 son praias, 97 portos deportivos e 5 en embarcacións turísticas sostibles, liderando así o ranking mundial.

PRAIAS

Barreiros: A Pasada – Coto – Fontela Valea
Burela: A Marosa – O Portelo – Ril
Cervo: O Torno
Foz: A Rapadoira –  Areoura –  As Polas – Llas – Peizás
O Vicedo: Abrela – Xilloi
Ribadeo: As Catedrais – Os Castros-Illas
Viveiro: Area
Xove: Esteiro

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo das bandeiras azuis que neste 2023 lucirán as praias de A Marosa, O Portelo e Ril, así como o barco museo Reina del Carmen e o Centro de Educación Ambiental Gaia. O rexedor subliña que “estes recoñecementos son froito do traballo ben feito”.

O rexedor manifestou que “é unha cuestión importante que se volva recoñecer coa bandeira azul ás praias da Marosa, de Ril e do Portelo. É unha distinción que penso que merece Burela dadas as características das augas que temos nas praias, cunha valoración de excelente, e ademais porque se fixeron cousas aquí que realmente dan importancia ao que temos nos areais. Procuramos que estean sempre en perfecto estado e que teñan o máximo de servizos, de seguridade e de atractivos”.

Alfredo Llano subliñou que “estas bandeiras azuis son tres recoñecementos para as praias de Burela moi merecidos porque penso que se están facendo as cousas ben. Estas distincións únense ás que veñen de recibir o Centro de Educación Ambiental Gaia e o barco museo Reina del Carmen, motivo polo que estamos especialmente satisfeitos”. E lembrou que “un ano máis, tal e como xa nos comunicaron hai varias semanas, a ruta do litoral burelés conta de novo neste 2023 co recoñecemento de sendeiro azul”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio.

Deste xeito, un ano máis a Praia do Torno recibe o distintivo de Bandeira Azul, pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.

O rexedor quixo felicitar tamén de novo a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por sexto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.

Ademais, o Concello de Cervo suma case 5 quilómetros de sendeiros azuis que potencian o valor natural do noso municipio. Ao sendeiro azul do Torno, sumáronse, recentemente, o carreiro azul Cubelas-O Rego, e o de Río de Lavar-Muíño do Medio, como  itinerarios que destacan por ser valiosos recursos para a interpretación ambiental e o desfrute da natureza.

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz Freije, fai unha valoración positiva das bandeiras azuis que veñen de conseguir as praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas.

Jorge Díaz dixo: “desde o Concello valoramos positivamente recibir estas bandeiras azuis un ano máis. Iso quere dicir que estamos a facer as cousas ben. Neste 2023 contaremos con dúas distincións nos nosos areais, que se unen ao sendeiro azul, que conseguiu un ano máis, a Ruta do Faro de Illa Pancha ata As Aceas, tal e como nos comunicaron hai xa semanas”.

A Delegación de Turismo do Concello de Foz amosa a satisfacción “pola concesión un ano máis de 5 bandeiras azuis ás nosas praias e outra ao sendeiro azul que vai de a Rapadoira ata Areoura, bordeando todo o litoral. De novo Foz é o concello lucense que máis bandeiras acumula e son nas praias de Rapadoira, Llas, Peizás, Polas, e Areoura”.

O concelleiro de Turismo de Foz, Chema Linares, explica: “cumprimos amplamente cos criterios de ADEC en canto á prestación de servizos de calidade nas praias cunha calidade excelente das augas, en accesibilidade, en xestión de residuos e en información sobre os areais e os seus ecosistemas”.

Chema Linares engade: “esperamos contar cos socorristas suficientes para ter o servizo activo todo o verán e poder izar as bandeiras. A este respecto esperamos que a Xunta de Galicia poida subvencionar os socorristas suficientes para prestar o servizo adecuadamente xa que nos últimos anos reduciuse considerablemente pois antes subvencionaban 20 socorristas pero nos últimos anos apenas chegan a seis, claramente insuficientes para un bo servizo”.

Un ano máis, o Concello de Viveiro recibiu a notificación que certifica que a Praia de Area terá de novo a Bandeira Azul.  Este distintivo avala a calidade das súas augas e os servizos prestados, acreditando que a Praia de Area cumpre e mantén uns estritos criterios ambientais, educativos, de seguridade e de accesibilidade.

“A evolución dos datos de turismo en Viveiro no último ano e as perspectivas que  avanza o sector indican que vai ser un verán moi bo para a nosa vila, para a nosa hostalaría e o noso comercio. Estamos orgullosos de que a Praia de Area sexa un atractivo máis para atraer ao turismo de natureza e sostible que estamos a defender e polo que traballamos dende o primeiro día dende o Concello”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.

A praia de Area ten unha lonxitude de 1.200 metros de area branca e de ondada tranquila, con forma rectilínea e un conxunto dunar de grande interese paisaxístico.