Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Modificada a normativa reguladora dos eventos en terreo portuario

Por 30 Maio, 2023Sin comentarios

Portos de Galicia pon a disposición da cidadanía o novo formulario de solicitude e lembra aos promotores a necesidade de cumprimentar a tramitación para contar coas máximas garantías podendo agrupar nunha mesma solicitude todas as do ano.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, modificou a normativa de tramitación da celebración de eventos en terreo portuario para contribuír á mellor organización destas actividades e á compatibilidade entre elas así como coa propia actividade portuaria. A nova norma, que entra en vigor hoxe, sae publicada no Diario Oficial de Galicia.

O texto inclúe cambios puntuais da normativa xa existente neste eido baseándose na experiencia acumulada desde a anterior modificación, que derivaba da entrada en vigor do catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas. O obxectivo é ofrecer as maiores garantías para o público e a organización do evento así como a compatibilidade de actividades en solo portuario e a eficiencia na planificación dos distintos eventos.

Entre estas modificacións, a normativa permite que nas zonas con menor actividade portuaria se poidan instalar carpas ou espazos a cuberto nunha superficie de máis de 100 metros cadrados -máximo fixado anteriormente- se se trata de espectáculos ou actividades que teñan como singularidade o arraigo popular no ámbito territorial onde se desenvolven ou valor cultural. O mesmo será de aplicación tamén para as festas declaradas de interese turístico de Galicia. Do mesmo xeito, a norma permite, excepcionalmente e cando sexa viable tecnicamente, autorizar a conexión directa á liña eléctrica portuaria.

En paralelo á publicación da nova normativa, Portos de Galicia pon a disposición da cidadanía o novo formulario de solicitude de autorización de eventos e espectáculos públicos en terreos portuarios a través da páxina web do ente público: www.portosdegalicia.gal. Este formulario facilita e axiliza aos impulsores de eventos a tramitación necesaria para obter as correspondentes autorizacións.

Neste sentido, o organismo portuario lembra aos promotores das celebracións a necesidade de tramitar os permisos con marxe de tempo, podendo agrupar nunha mesma solicitude todos os eventos previstos para o ano e facilitándolles así a tramitación dos que se repiten anualmente.