Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Galicia enxalza na feira italiana Tutto Food a calidade dos produtos do mar

Por 9 Maio, 2023Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a feira Tutto Food, que acolle a cidade de Milán ata o 11 de maio, e acompañou as empresas galegas da cadea mar-industria presentes neste certame na procura de novas oportunidades de negocio. Alí a titular de Mar puxo en valor a importancia de que a comunidade galega estea presente en eventos coma este para difundir a nivel internacional os beneficios dos peixes e mariscos e o saber facer do sector marítimo-pesqueiro de Galicia.

Neste sentido, subliñou a necesidade de promover outros aspectos característicos da realidade galega como as distintas artes de pesca, as actividades nas que se utilizan e a gastronomía a base de produtos mariños. Con ese fin, expuxo, Galicia acode a certames agroalimentarios como Tutto Food, onde a Consellería do Mar ten un expositor de 200 metros cadrados na zona central do pavillón 6.

Neste posto alberga a 12 entidades coexpositoras: a Organización Empresarial Parquistas de Carril, Copemar, Copesma Congelados, Fesba, Pereira Produtos del Mar, Cigalmar, Marfrío, Hijos de Carlos Albo, Mar do Suido, Mariscadora-Costas y Miñán, O Percebeiro e Real Conservera Española.  Tamén acode a esta feira coa Xunta a empresa Congelados Videmar na área de centro de negocios, que ten como fin favorecer novos lazos comerciais entre as firmas galegas presentes nesta cita e as procedentes doutros países do mundo.

Nesta e noutras feiras a Xunta realiza a difusión da calidade dos produtos do mar galegos baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumilos e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía.  Para iso, o posto da comunidade conta cunha aplicación de realidade virtual denominada GALICIA SABE AMAR 360º.

Tutto Food Milán

A feira internacional italiana é de carácter bienal e nela as empresas manteñen encontros para ampliar o seu mercado, reforzar a acción comercial e axudar a pechar alianzas coas que abrir novas liñas de negocio. É punto de referencia para produtores e distribuidores de produtos de calidade de toda a cadea de alimentos e bebidas e busca desenvolver a innovación atendendo as tendencias de consumo e a dinámica do mercado.

Está centrada en produtos tradicionais e tendencias emerxentes de consumo e estrutúrase en diferentes áreas. Entre elas unha de conxelados -con produtos do mar-, e outra dedicada ao peixe afumado, seco, en conserva e fresco e tamén ao marisco procesado e envasado.

Ademais conta cunha parte dedicada á pasta, outra relacionada con comestibles, como fariñas, caldos e sopas, conservas en vinagre, froitos secos, ovos e cereais. Tamén inclúe apartados de aceites, queixos, carnes e embutidos, así como de froita e doces, entre outros. A maiores ten un programa de actividades con demostracións de cociña, presentacións de produtos e xornadas relacionadas coa alimentación.