Skip to main content
Alfoz

O cohousing sénior é a innovadora aposta de Via Alfoz no seu programa de Goberno

Por 25 Maio, 2023Sin comentarios

“O fomento da construción e rehabilitación de barrios con destino a solucións residenciais modelo cohousing, destinadas á terceira idade, con espazos comúns e de interacción e dotados dos correspondentes servizos sociosanitarios comunitarios”, é unha das innovadoras apostas que VIA Alfoz inclúe no seu programa de goberno. Segundo indican desde VIA Alfoz, “trátase dunha aposta que soluciona dúas das principais necesidades do noso concello, a calidade de vida dos nosos maiores e a loita contra o despoboamento”.

Desde VIA Alfoz recordan que preto de 300.000 galegos maiores de 65 anos viven en soidade, “unha realidade que podemos ver en Alfoz”. Pola contra, o cohousing é unha oportunidade de revitalización das zonas rurais, composta por vivendas colaborativas onde “os nosos maiores poden vivir de forma independente pero contando con servizos e coidados comunitarios”, converténdose así nunha ferramenta eficaz na loita contra a soidade dos nosos maiores, moitas veces non desexada, e que serán, no futuro, unha alternativa ao modelo de residencias de maiores ata agora vixente. O cohousing sénior está pensado para maiores que sexan autónomos ou cun grado de dependencia leve e propón unha maior independencia e intimidade que os centros de maiores, “deixando o modelo de xeriátricos para coidados a dependentes”, subliñan desde VIA Alfoz.

Esta proposta, incluída no programa de goberno de VIA Alfoz, poñería a Alfoz á vangarda das iniciativas de innovación social no rural que, a través de da alianza das diferentes administracións, e co obxectivo de loitar contra o despoboamento do rural, “fixaría poboación e favorecería a actividade económica local”. Segundo indican desde VIA Alfoz, “é unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, e que está incluída nas propostas para loitar contra o despoboamento do  rural incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dotado de fondos europeos.

Esta iniciativa, xunto coa creación dunha residencia e un centro de día, foi exposta no mitin central de campaña cara ás eleccións locais do vindeiro domingo 28, que contou coa intervención de Efigenia Maseda, candidata á alcaldía por Via Alfoz, así como de Eliseo Lorenzo, Judit Casabella e Xabier Pardiñas, números dous, tres e catro da candidatura de VIA Alfoz, respectivamente, e no que se presentaron as 50 propostas do programa de goberno para a lexislatura 2023/2027.