Skip to main content
Cervo

Este sábado será a Foliada de Cervo e a Feira de artesanía e alimentación

Por 5 Maio, 2023Maio 6th, 2023Sin comentarios

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir este próximo sábado, 6 de maio, á VII Foliada e á Feira de Artesanía e Alimentación que terá lugar na praza do Souto, desde as 10.00 horas, cando dará comezo un obradoiro de construción de pandeiretas con Sanín.

A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, xunto con representantes da A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, da agrupación Fol do Raxal e A Morena, que organizan o evento, no que colabora o Concello de Cervo.

Ás 12:00 horas abrirá ao público a Feira de Artesanía e Alimentación e desde esa hora tamén se sucederán diferentes actuación de grupos de música e baile tradicional da contorna; será un pasabares a cargo de A Rebolaxe (San Ciprián), Amado Lar (Valadouro), Arume (Burela) e as Cantareiras de Valdeflores (Viveiro).

Pola tardiña, ás 18:45 horas, será a Foliada coas actuacións de Cordenaia (Cervo), Fol  do Raxal (Cervo),  As Ferriñas (O Vicedo), As Grileiras (Burela), Os xilgaros de Lugo, Os do 21 (O Vicedo) e Ledicia (Burela).

Ás 19:30 horas está prevista a actuación de Tumba e Dálle e, como peche de festa, ás 22:30 horas, terá lugar un concerto folk a cargo de Tiruleque.

Ademais, os bares de Cervo e Sargadelos -A Sacabeira, O Almacén e a Taberna de Sargadelos- ofrecerán tapas elaboradas a 3 euros; tamén a tasca da Foliada ofrecerá bocadillos, bolos preñados e empanadillas.

Esta previsto, como se avanzou, un obradoiro de construción de pandeiretas con Sanín que se prolongará ata as 19.00 horas, un obradoiro de baile con Xabier Espasandín de 17.00 a 18.00 horas, e unha ludoteca de xogos tradicionais con Xogando nas Nubes, en horario de 16.00 a 18.00 horas.

Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza e visitantes a participar nesta festa que reunirá a unha representación importante do talento que hai en Cervo e tamén nas localidades da contorna.