Skip to main content
Foz

A focega Josefa Pico Teijeira cumpriu 107 anos

Por 20 Maio, 2023Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais Ana Rojo, homenaxearon esta mesma semana a Dona Josefa Pico Teijeira, co seu correspondente agasallo floral, que “ela mesma revisou, ollando detidamente flor a flor e todas as froitas que o adornaban. Dona Josefa, que é a veciña máis lonxeva do concello de Foz, naceu e reside na parroquia de Cangas hai 107 anos; agora vive coa súa filla Mimina e cos seus netos Andrés e Covi. Tivo 3 fillos (Moncho, Toño e Mimina) e ten netos, bisnetos e 2 tataranetos”, explica Ana Rojo.

A concelleira de Servizos Sociais destaca que “dona Josefa foi sempre unha muller afable, moi positiva, cariñosa, con moi bo humor e querida por todos os seus veciños e veciñas. Vén dunha familia de once irmáns, a maioría foron tamén lonxevos ó igual que a súa nai, que tamén fora centenaria. Traballou arreo na agricultura, gandería e nas labores propias do fogar nuns tempos duros de moitas carencias, pero sempre cun sorriso e moi disposta a axudar a calquera veciño que lle fixera falta. Gustáballe moito xogar as cartas con varias das súas irmás, afección que tivo ata hai poucos anos. Coméntanos a súa filla que come como unha lima, de todo e bastante cantidade, e non perdeu nunca unha soa sesta. ¿Será ese o segredo da lonxevidade?”.

Ana Rojo engade: “recórdoa sempre baixar andando do barrio de Ribela ata a casa da súa filla na estrada xeral, de traernos buñuelos e demais doces para nós cando eramos nenos, cariñosa e sempre cun sorriso nos beizos. Estou orgullosa como veciña e moito máis como concelleira de poder homenaxeala ós 107 anos xunto ó alcalde, Fran Cajoto, co que empatizou preguntándolle pola súa familia e invitándonos a comer con ela”.

“Canto nos ensinan estas mulleres fortes, que traballaron incansablemente sacrificándose en polos demais. Épocas durísimas que lles tocou vivir, nas que se lles negaban os dereitos máis fundamentais tan só por ser mulleres. Noraboa por eses 107 anos e moitas felicidades dona Josefa!”, remata a concelleira de Servizos Sociais.