Skip to main content
Trabada

A alcaldesa de Trabada rectifica e admite na residencia á nai do candidato popular

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada notificou ao portavoz popular e candidato á Alcaldía, José María Fernández, a aprobación de acceso ao servizo de atención residencial no Centro de Atención a Maiores do Concello de Trabada da súa nai ao día seguinte de ter anunciado que presentaría denuncia ante a fiscalía. Fernández considera que “a alcaldesa se delata e, desta maneira, vén a recoñecer que se estaban a vulnerar os dereitos dunha veciña de Trabada en situación de dependencia ao non ser avaliado pola comisión municipal en tempo e forma o seu expediente”.

O expediente da nai do portavoz popular “non foi avaliado pola comisión na súa reunión de decembro a pesar de que a solicitude xa fora presentada en novembro. Dende entón, pasaron máis de cinco meses esperando unha resolución”, di o voceiro popular, que engade que tivo que solicitar por segunda vez ao goberno local acceso ao expediente das valoracións efectuadas.

José María Fernández considera que “con este proceder constátase que este caso estaba sendo discriminado por sectarismo político”. E engade: “Isto demostra a clase de categoría política da alcaldesa socialista e a súa total falta de sensibilidade cunha veciña en situación de dependencia que precisa de atención especializada polo feito de estar vinculada ao portavoz da oposición”.

O popular asegura que esta situación lle causou prexuízos á súa familia e, especialmente, “á persoa afectada por ter que desprazarse a outro centro doutra localidade en lugar de recibir atención no seu propio concello. É por iso polo que estudará presentar unha demanda por danos e prexuízos”.