Skip to main content
Viveiro

María Loureiro aspira á reelección “con máis forza ca nunca porque temos moitos proxectos para continuar mellorando Viveiro”

Por 21 Maio, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro e candidata á reelección polo PSdeG o vindeiro 28 de maio, María Loureiro García, presentou este sábado á noitiña a súa candidatura nun encontro con veciños e veciñas no Teatro Pastor Díaz. Un acto que contou coa presenza do Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ademais de alcaldes, alcaldesas e portavoces da comarca.

María Loureiro amosouse con “moitas ganas e ilusión” por seguir sendo a Alcaldesa de Viveiro. “Síntome con máis forza ca nunca, unha forza que comparte o equipo co que volvo dar un paso adiante porque temos moitos proxectos e iniciativas para continuar mellorando Viveiro”, afirmou. “Unha das cousas máis bonitas que me pasaron na vida foi ser a Alcaldesa do meu pobo. Eu nacín aquí, crieime aquí, os meus fillos medran aquí en Viveiro, a miña familia tamén é de aquí e para min é unha satisfacción ser a Alcaldesa para axudar ós veciños a atopar solución ós problemas e impulsar o futuro do concello”.

“Seguiremos abrindo o Concello a todos os veciños e veciñas de Viveiro como fixemos ata o de agora porque, cando teñen un problema, acoden directamente a nós, e nós estamos aí porque cremos que a nosa responsabilidade é mellorar a vida dos veciños e veciñas”, asegurou ante un Teatro Pastor Díaz cheo de xente.

Plan Industrial da Mariña

A Alcaldesa foi firme á hora de reivindicar, unha vez máis, un Plan Industrial para A Mariña, que sería clave para o desenvolvemento industrial e económico da cidade do Landro. Loureiro manifestou que é “unha materia pendente, aquí en Viveiro carecemos de Plan Industrial porque a competencia é da Xunta de Galicia, nós xa reivindicamos en numerosas ocasións que é imprescindible para que a o noso concello e a nosa comarca avance”. “Vivimos nun concello moi rico, cunha poboación nova e activa e, se temos postos de traballo, se hai industria, os veciños e veciñas non se van a outros lugares buscar traballo.  Temos que apostar por ese Plan Industrial”, aseverou.

Así mesmo, no ámbito da promoción económica, a Alcaldesa aposta “por seguir impulsando o parque empresarial, dándolle facilidades ás empresas que se instalan, como é o caso das bonificación das licenzas”. “O noso obxectivo é continuar traballando para que haxa máis empresas. A día de hoxe temos 16 instaladas no noso parque”, asegurou Loureiro. “Temos un sector forestal e un sector pesqueiro punteiro, pero temos que ir un paso máis alá e esforzarnos porque a nosa industria medre”, dixo.

Renovación de rúas e espazos públicos

A rexedora debullou os proxectos máis importantes que contempla o programa electoral da candidatura socialista de Viveiro para os vindeiros catro anos. Explicou que executará o proxecto de renovación do barrio da Xunqueira, fará un arranxo integral das beirarrúas de Xunqueira a Magazos, e tamén acometerá un proxecto de remodelación dos Xardíns Noriega Varela para a creación de zonas de sombra e plantación de zonas verdes.

Tamén solicitará a cesión integral do peirao para que pase a ser de titularidade municipal, ao igual que a adquisición do espazo do Casino para humanizar esta zona como zona deportiva e de lecer para o conxunto da sociedade viveirense.

Así mesmo, acondicionará diferentes rúas, como é o caso da que dá acceso a Os Espiñeiros, a continuación da Rúa Grande en Celeiro ata a estrada xeral, a renovación integral da rúa do Porto, en Celeiro, a estrada de Pénjamo ao Cemiterio de Viveiro e rúa Teodoro de Quirós, entre outras actuacións.

A Alcaldesa avanzou tamén a mellora do paseo marítimo da Praia de Covas e a realización dun plan de mellora do alumeado público para obter un aforro enerxético, ademais da ampliación do cemiterio de Altamira, entre moitas outras actuacións.

“Seguiremos a demandar cada día unha estrada de circunvalación e unha vía de altas prestacións para o noso concello, así como a conexión de Viveiro coa autovía de Vilalba a Ferrol, na estrada LU-550, coa súa mellora integral”, indicou.

Anos de intenso traballo por Viveiro

A Alcaldesa afirmou que este último mandato non foi doado polas diferentes situacións sobrevidas que atravesou o municipio, tendo que deixar a un lado “proxectos ilusionantes” para focalizar todos os esforzos en dar resposta a unha crise sanitaria sen precedentes. “Xuntos conseguimos saír adiante, fomos un dos primeiros concellos de Galicia en poñer en marcha medidas para non deixar a ninguén atrás, pensando nas persoas que viven soas, nas máis vulnerables, nas familias, nas pemes e nos autónomos”.

Neste mandato, “desde o Concello demos pasos fundamentais para ter un novo PXOM, unha ferramenta fundamental para o futuro de Viveiro. Fixemos todo o que estaba na nosa man para axilizar o proceso e a aprobación definitiva está moi preto”, subliñou.

Lembrou que nestes últimos anos, o Goberno que dirixe desenvolveu “un plan continuo de renovación dos servizos e infraestruturas básicas do municipio, con obras e actuacións no casco urbano e en todas as parroquias”. “Somos a gran referencia da Mariña grazas á nosa aposta por un turismo máis sostible e desestacionalizado, e seguiremos traballando na mesma liña”. Así se comprometeu Loureiro a darlle continuidade ao pulo turístico no que está inmerso a cidade do Landro grazas á súa xestión.