Skip to main content
Lugo

A USC, entre as universidades españolas con maior rendemento en I+D e taxa de éxito académico

Por 28 Maio, 2023Maio 29th, 2023Sin comentarios

Concesión de patentes, solicitude de licencias, número de publicacións altamente citadas e creación de spin-offs, constitúen algúns dos 14 parámetros nos que destaca a USC na décima edición da clasificación universitaria publicada pola Fundación CyD.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións internacionais con elevado nivel de citacións e creación de spin-offs, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende da décima edición do ‘ránking’ sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades. De feito, na elaboración deste estudo está incluídos datos de 80 universidades públicas e privadas ao tempo que se analizan resultados de 29 ámbitos de coñecemento e 3.266 titulacións.

O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español, sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións altamente citadas e con máis patentes por profesor e investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración da súa clasificación sobre a universidade española proban o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire, un ámbito no que tamén cómpre salientar o cometido da institución académica compostelá respecto á creación de spin-offs.

O eido da investigación e outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente no último informe que vén de publicar a Fundación CyD. De feito, no último informe que vén de publicar a Fundación CyD, a USC figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno e a media de publicacións por profesor son outras das variables analizadas nas que destaca a USC.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado matriculado en titulacións de grao remata este período de formación con taxas de éxito máis altas no período de tempo normativo.

O estudo que cada ano publica a Fundación CYD constitúe unha ferramenta útil para comparar a situación das universidades en función de determinadas dimensións ou parámetros: ensinanza e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e contribución ao desenvolvemento rexional. Alén desta sorte de barómetro universitario, este informe tamén inclúe na súa última edición unha análise sobre parámetros referidos á inclusión, coidado da saúde e sustentabilidade.

O último informe da Fundación CyD sinala neste senso que o 99% das universidades españolas conta cun comité, oficina ou responsable de diversidade e igualdade e ten implantadas políticas contra a discriminación e o acoso por razóns de sexo, discapacidade, orientación sexual, credo o situación laboral. A disposición por parte de case todas as universidades españolas avaliadas de servizos de saúde mental é outro dos parámetros sinalados no último informe da Fundación CyD, que tamén apunta que o 57% das universidades gozan de servizos de saúde sexual e reprodutiva.