Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tomé reúne en Lugo aos candidatos socialistas dos 67 concellos

“A provincia de Lugo necesita máis socialismo porque o socialismo significa avanzar, progreso, futuro e igualdade”, asegurou José Tomé Roca, quen destacou o “fito histórico” do liderado de mulleres nas listas do partido, con 24 candidatas, o 36% do total, a porcentaxe “máis alta das provincias galegas e probablemente do conxunto do Estado”.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este domingo en Lugo un encontro cos candidatos e candidatas socialistas dos 67 concellos da provincia ás vindeiras eleccións do 28 de maio. Un acto celebrado na contorna do Rato, xunto ó Centro de Interpretación Terras do Miño, que reflexou “a ilusión, dinamismo, fortaleza e unidade” do Partido Socialista. “Presentamos ás municipais ós mellores candidatos e candidatas” para cada un dos concellos e para o conxunto da provincia, subliñou José Tomé Roca, polo que “vamos consolidar as alcaldías que temos, gañar outras novas e manter a Deputación”, recalcou.

“Falar de socialismo é falar de proximidade cos veciños e veciñas, de capacidade de xestión, de defensa dos servizos públicos, de promoción da economía e da aposta polo rural para que teña futuro”. Deste xeito, asegurou o líder dos socialistas na provincia, “vamos gañar estas eleccións para que gañen os 67 concellos da provincia de Lugo en servizos, en mobilidade, en emprego, en calidade de vida e en benestar”.

“A provincia de Lugo necesita máis socialismo porque o socialismo significa avanzar, progreso, futuro e igualdade”, incidiu José Tomé, quen destacou o “fito histórico” do liderado de mulleres nas listas do partido, con 24 candidatas, o 36% do total, a porcentaxe “máis alta das provincias galegas e probablemente do conxunto do Estado”.

Neste sentido, o líder socialista afirmou que os socialistas “sempre abrimos camiño en todos os avances da sociedade: en dereitos sociais, en dereitos laborais, en benestar, en xustiza social e, por suposto, en igualdade. E seguiremos abrindo camiño, porque o feminismo é unha das grandes esencias do socialismo. Non é unha moda, non é unha pose para as fotos, como fan outros, é unha realidade, que demostramos cada día, con feitos”.

José Tomé puxo en valor así mesmo que os socialistas da provincia “temos a forza que nos dá o noso traballo continuado en favor dos nosos concellos. A forza que nos dá o noso compromiso co benestar dos veciños, que defendemos sempre, no noso concello, na provincia, en Santiago ou en Madrid, goberne quen goberne. Sempre damos a cara. Non calamos ante os problemas, nin esquecemos as nosas obrigas. Non estamos ó que dite a Xunta dende San Caetano, como fai o Partido Popular”. No Partido Socialista “traballamos para facer realidade aquelo que sabemos que é o mellor para cada concello, para a provincia, con propostas realistas, con feitos e investimentos, con medidas e accións que benefician á xente”, sinalou.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia aproveitou este acto para agradecer o traballo e a implicación de tódolos candidatos e candidatas socialistas. “Moitas gracias ós que levades anos loitando e ós que asumides un novo compromiso político con este partido, e, sobre todo, cos vosos veciños e veciñas, co voso concello”, asegurou o líder dos socialistas, quen destacou que o partido renovou o 37% dos candidatos e candidatas de cara ás vindeiras municipais.

“Todos e todas, xunto cos nosos equipos e agrupacións, levamos traballando moito, e nótase. Ata o Partido Popular baixou as expectativas, vendo a que se lle vén encima. Eu pídovos dar o arreón final, pídovos un esforzo máis neste mes que queda hasta o día das eleccións para dar a coñecer todo aquelo que levamos feito e todos os proxectos que temos para o futuro”, recalcou José Tomé.