Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Abre o prazo dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia

As candidaturas poden presentarse a través da sede electrónica dende este mércores, 3 de maio, ata o 31 de xullo. Os recoñecementos entregaranse nun acto público o día 27 de setembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo.

A Deputación de Lugo publica hoxe martes, 2 de maio, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) a convocatoria e as bases da cuarta edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense, …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense e Turismo Sostible. Desta forma, as candidaturas a estes recoñecementos á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia poderán presentarse dende hoxe, mércores, ata o día 31 de xullo, na sede electrónica da institución.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán formularse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.

Os galardóns, que serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo, teñen como finalidade apoiar, poñer en valor e dar visibilidade ao traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da provincia de Lugo. Os galardóns teñen carácter honorífico, igual que nas anteriores edicións, e consistirán nun diploma acreditativo e un agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.

O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías de Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.