Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Tráfico leva a cabo unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar

Por 25 Maio, 2023Sin comentarios

Isabel Rodríguez advirte de que as distraccións e a velocidade son as principais causas de accidentes no transporte escolar.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou da campaña especial de vixilancia do transporte escolar nas estradas lucenses que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), coa colaboración da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais, leva a cabo ata o vindeiro venres 26 para comprobar, entre outras cousas, o uso do cinto de seguridade, velocidade, consumo de alcol e outras drogas, autorizacións e documentos do vehículo e o condutor. Ademais, debido á importancia que ten o cinto de seguridade en caso de accidente, prestarase especial atención ao o seu uso naqueles autobuses escolares que os leven instalados.

A subdelegada asegurou que aínda que se trata do primeiro colectivo de seguridade viaria que alcanza o obxectivo de cero falecidos en sinistros de tráfico desde o ano 2013, “temos que estar alerta porque aínda queda marxe de mellora, posto que se producen accidentes nos que a velocidade inadecuada e as distraccións son as principais causas”.

Esta campaña ten unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de roteiros de transporte escolar existentes na Comunidade. Galicia é a comunidade española con máis roteiros de transporte escolar, entre os públicos e os contratados en tódolos niveis educativos. Segundo os datos das autoridades educativas, en cada curso académico préstase servizo de transporte escolar a máis de 95.000 alumnas e alumnos de preto de 900 centros educativos públicos, concertados e privados de toda Galicia.

Aínda que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, esta semana intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas. O obxectivo é concienciar a familias, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte.

Dende este luns, estanse a realizar controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter devanditos vehículos para a correcta prestación do servizo. Tamén se verifica que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución e os tempos de descanso. Entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares, estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.

Seguridade e menores

De acordo coas estatísticas da DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes. Menciona tamén a DXT que unha gran parte dos sinistros con lesións graves están relacionadas coa ausencia do uso adecuado dos cintos de seguridade. Para evitar este tipo de sinistros é fundamental que pais, nais e coidadores respecten as paradas, acudan con tempo suficiente e nunca esperen aos nenos alén da calzada.

Resultado da campaña anterior

Na campaña equivalente de control de transporte escolar realizada en decembro do ano pasado, controláronse en Lugo un total de 86 vehículos, dos que 13 foron denunciados e 13 as denuncias formuladas. As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron, 6 de cada 10. Entre as causas destas infraccións administrativas, destacan non dispor da autorización especial para realizar transporte escolar ou non ter subscrito un seguro de responsabilidade ilimitada, tal e como esixe a lei.