Skip to main content
Cervantes

O PP de Cervantes aposta polas rozas e creación de pastos

“Os labores de roza e a creación de pastos son fundamentais para a xestión do territorio en Cervantes, tanto para a prevención dos incendios forestais como para a mellora da rendibilidade das explotacións gandeiras en extensivo”; xa que permite aumentar a superficie aproveitable. É por iso polo que o PP de Cervantes aposta pola continuidade tanto do Plan de prevención coma do Plan de pastos da Xunta cos que está a mellorar a xestión do territorio e, polo tanto, beneficiando aos gandeiros e veciños do municipio. De feito, así llo trasladou o candidato popular á alcaldía, Óscar Fernández, ao responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, durante unha visita a Cervantes na que tamén participaron os deputados autonómicos Encarna Amigo, membro da candidatura no municipio, e José Manuel Balseiro, coordinador provincial do PP lucense.

Os traballos de prevención que se están a levar a cabo nesta temporada no termo municipal de Cervantes supoñen a limpeza de 1.500 quilómetros de pistas forestais e incluso a apertura de cortalumes ou faixas de defensa da man do batracio -un tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer-. Concretamente, estes labores desenvolvéronse en nove parroquias -Vilarello da Igrexa, Vilaspasantes, Vilapún, Noceda, San Pedro de Cervantes, Lamas, San Román, Santo Tomé e Vilasante- e prevense estender a outras dúas – Donís e San Martín de Ribeira-.

Dentro do Plan de pastos, estanse a executar nesta temporada arredor de 10 hectáreas no concello de Cervantes, nos pasteiros veciñais de Vilarnovo, Robledo de Donís e Moreira. E estase traballando na implementación doutros dous pasteiros en Vilaver e Vilardecucos.

PROTECCIÓN DAS ALDEAS

Cervantes é dos poucos concellos galegos que non está adherido ao convenio entre a Xunta, a empresa pública Seaga e a Fegamp para a protección de aldeas a través da limpeza de franxas secundarias, as máis próximas ás casas, naqueles lugares con maior risco de incendio. Polo tanto, os populares lamentan, unha vez máis, que “o goberno local socialista non se interese por este tipo de medidas de prevención que supoñen a protección do terreo e, sobre todo, das aldeas dos nosos veciños”.