Skip to main content
Cervantes

O alcalde de Cervantes presenta a súa candidatura socialista ás eleccións

O secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, participou na cea de presentación da candidatura de Cervantes, onde subliñou que tras o 28-M seguirá colaborando co alcalde, “como fixemos neste mandato, para sacar adiante máis proxectos positivos para o concello, o máis importante, o Centro de Atención a Maiores”, para o que a Deputación xa ten reservados 1,4M€.

O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, opta á reelección nas vindeiras eleccións municipais, tras acadar catro maiorías absolutas consecutivas. O alcaldable marca como máxima prioridade de cara a neste novo mandato “a construción, en colaboración coa Deputación de Lugo, dunha residencia para as persoas maiores no noso concello”.

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, participou onte venres na cea de presentación da candidatura encabezada por Gómez Tadín, celebrada en Casa Belón de San Román, xunto á deputada no Parlamento de Galicia Patricia Otero, entre outros responsables orgánicos do partido, ademais de veciños e veciñas da localidade e da comarca da Montaña.

José Tomé Roca remarcou que Benigno Gómez Tadín “é un valor seguro. Os veciños de Cervantes confían plenamente nel porque defende como ninguén os intereses deste concello”. “Sempre loitando para que os seus veciños teñan máis servizos públicos, mellores estradas, máis infraestruturas, máis oportunidades e para que así desfruten de mellores condicións de vida”, asegurou.

Compromiso coa residencia

“Nestes últimos catro anos dende a Deputación de Lugo investimos en Cervantes máis de 2,6 millóns de euros para a mellora de servizos, como traídas de auga e sumidoiros, ou o acondicionamento de camiños, pistas e estradas, entre outras moitas actuacións”, subliñou Tomé Roca, engadindo que “continuaremos traballando neste novo mandato para sacar adiante máis proxectos e medidas positivas para o municipio, o máis importante, o Centro de Atención a Maiores”, para o que a Deputación xa ten 1,4 millóns de euros reservados.

O líder socialista subliñou que o partido ten Cervantes “o mellor candidato, a mellor candidatura e o mellor proxecto de futuro para seguir gobernando e construíndo o futuro deste concello”.

O Alcalde de Cervantes explicou que ao longo deste mandato “seguimos traballando para acadar mellores dotacións públicas e máis investimentos para as nosas parroquias, pero, sobre todo, rematamos e aprobamos o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para protexer os principais valores naturais, culturais, históricos e paisaxísticos do noso concello”. “Polo tanto, xa contamos co ordenamento xurídico axeitado para construír a residencia de maiores. Esta será a nosa prioridade”, recalcou.

“Presentámonos de novo a estas eleccións”, asegurou o rexedor, “cun equipo de xente traballadora e comprometida coa Montaña, que só ten como obxectivo estar ao servizo da veciñanza de Cervantes. E facémolo escoitando, atendendo e resolvendo os problemas dos veciños e das veciñas, defendendo os servizos públicos, favorecendo a actividade económica e apostando polo noso rural, porque, sen rural, non temos futuro”.

“Reforzaremos as iniciativas que permiten atender aos maiores e ás persoas dependentes no seu domicilio, e seguiremos apostando por medidas que axuden a fixar poboación no noso territorio”, apuntou Gómez Tadín como propostas incluídas no seu programa electoral.

Reivindica tamén a actividade gandeira como motor económico do concello, “xa que nos define e nos permite fixar poboación”. “Apostaremos por medidas que continúen a favorecer o sector primario, que seguirá sendo unha das nosas prioridades, con medidas como a bonificación do IBI de ata o 95% ás explotacións gandeiras, así como a promoción da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña”, expuxo.

Outra prioridade é a creación de emprego: “Apostaremos pola formación, coa organización de talleres, charlas e obradoiros, e manteremos as brigadas contra incendios”.

Outro dos servizos que potenciará o alcalde e candidato á reelección é a banda ancha para que haxa unha conexión de calidade en todos os recunchos do concello.

Ademais, esixirá á Xunta de Galicia o mantemento do Centro de Saúde de San Román. “Poremos en aluguer o Centro de Doiras, traballaremos polo mantemento do colexio e darémoslle prioridade ao mantemento das estradas con rutas escolares”, explicou.

Candidatura do PSdeG de Cervantes

A candidatura socialista de Cervantes está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

  1. Benigno Gómez Tadín
  2. Luis De Alonso Álvarez
  3. Miguel González Vilela
  4. Eduardo Pérez Gutiérrez
  5. Fermín Digón López
  6. Vanessa López Valcarce
  7. Jesús Digón Rodríguez
  8. Jesús Digón López
  9. Cynthia Pardo Fernández

Suplentes: Manuel Díaz Soto, Fermín Alba Gómez e José Núñez Amigo.