Skip to main content
Cervantes

Éxito de público e de vendas na Feira en defensa do Gandeiro de Montaña de Cervantes

Por 14 Maio, 2023Maio 26th, 2023Sin comentarios

A poxa celebrada en Cervantes, como parte do programa da Feira en defensa do Gandeiro da Montaña foi todo un éxito. Un día espléndido, moitísima xente e alta participación nos consursos de gando das diferentes razas de vacún que asolagaron o recinto feiral. Con todos estes ingredientes, a poxa das catro xatas preñadas de Acruga tiña todos os puntos para saír ben. Vivíronse poxas moi animadas e con bastante participación dos 14 gandeiros e gandeiras que sacaron tarxeta, e ao final o balance desta poxa lanzou un prezo medio de 2.320 euros e os catro exemplares adxudicados.

As poxas arrincaron cun prezo de 2.000 euros e chegáronse a pagar 2.550 euros por dúas das xatas, o prezo máis alto da xornada, mentres que as outras dúas adxudicáronse por 2.100 e 2.250. Os animais irán parar a explotacións de Cervo, Samos e Pedrafita do Cebreiro.

A poxa resultou en grao sumo animada, non só pola alta asistencia de público, senón pola improvisada incorporación como speaker da poxa dun reporteiro dun programa de televisión, que chegou a poxar dúas xatas.

Acruga seguirá adiante cun calendario no que non faltará a asistencia a feiras de promoción desta raza, entre as que destaca, por suposto, a Semana Verde de Silleda, entre o 9 e o 11 de xuño. No capítulo de concursos e exposicións, seguiralle a quenda a feira nacional de Adai, o 16 de xuño, a gran cita desta raza, que ademais contará como sempre coa poxa dun gran número de exemplares. Antes de Adai, tamén se celebrará outra poxa o 20 de maio no mercado gandeiro de Fonsagrada, outra das prazas fortes dos criadores de loura galega.

No recinto feiral déronse cita animais de gran variedade de razas de gando vacún coa rubia galega como protagonista. Tamén contou con outros animais como cabalos, cabras ou ovellas. A xornada estivo amenizada polos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e a actuación de Tania e o seu acordeón.

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado traballan para sacar adiante o evento.

Ao evento acudiron representantes dos diferentes partidos políticos e  institucións, incluído o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Tamén estivo presente o deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, xunto ao alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tedín, xa que se subastaron 4 xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro. Ademais a institución colabora con esta celebración cunha achega de 5.000 euros.

RUEDA

O presidente do PPdeG , Alfonso Rueda, acudiu á feira acompañando ao candidato do PP á alcaldía, Óscar Fernández, a deputada autonómica e número 2 da candidatura, Encarna Amigo, e outros membros da formación local.

Rueda explicou que o obxectivo da súa formación nestas eleccións municipais é estender o modelo de “sentidiño” que caracteriza ao Goberno galego tamén a nivel municipal: “Queremos levar aos 313 concellos galegos a política da estabilidade, de avance sen ter que discutir con ninguén e de reclamar que non nos neguen nada ao que temos dereito”.

“Fronte aos que teñen que recorrer á descualificación para facer campaña, nós seguiremos centrados no que hai que estar, que é explicar o que queremos facer: levar a política do sentidiño da Xunta aos 313 concellos galegos”, engadiu.

Neste sentido afeou ao PSOE o “desembarco constante de ministros difíciles de identificar só para falar mal do PP e de Alberto Núñez Feijóo aos galegos”, así como “a súa obsesión por ter uns bos resultados só para lexitimar a Pedro Sánchez”.

BNG

Estivo tamén o candidato do BNG á alcaldía de Cervantes, Bernardo Valdês, xunto coa deputado por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, e membros do BNG na comarca.

Bernardo Valdês destacou que “Cervantes ten todo por gañar, o seu sector agro-gandeiro é unha potencia que se ten que impulsar, e desde o BNG temos proxecto e ideas para poder acadalo”.

Neste senso, o candidato nacionalista subliñou “poremos en marcha medidas en apoio ao sector, afondando en engadir valor aos produtos que aquí se producen, baixo o fomento da transformación da nosa carne, do noso mel ou doutros grandes manxares”.

Valdês destacou que dentro desta medida, contribuirá a “establecer máis dinamismo económico, fixando riqueza aquí, o que contribuirá á creación de emprego e o asentamento da poboación, funcións vitais para manter un concello rural como é Cervantes”.

Por outra banda, o candidato salientou que o BNG traballará para medidas para garantir prezos xustos “no BNG queremos que as persoas que están a manter e coidar o noso campo, teñan unhas condicións para que vivan dignamente, polo que traballaremos e demandaremos tanto ao Ministerio como á Xunta, medidas que contribúan a garantir uns prezos xustos ás producións gandeiras”.