Skip to main content
Lugo

O Consello de Ministros autoriza a construción da estación intermodal

Por 4 Maio, 2023Maio 5th, 2023Sin comentarios

O Consello de Ministros aproba licitar as obras do proxecto, que, entre outras actuacións, inclúen un novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías, a demolición do edificio de Correos e a urbanización da contorna.

O Consello de Ministros autorizou, na súa reunión de onte, ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif, a construción da nova estación intermodal de Lugo, por un valor de 21,6 millóns de euros e un prazo de 16 meses.

As obras previstas neste contrato comprenden o novo edificio de viaxeiros, un novo paso baixo vías, a adecuación de plataformas e construción de marquesiñas, a demolición do edificio de Correos anexo á actual estación de ferrocarril e a urbanización da contorna urbana.

A actuación forma parte dos acordos alcanzados no Convenio de colaboración asinado o 17 de marzo por parte de Mitma, a través de Adif, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo e a súa contorna urbana.

Descrición dos traballos

O novo edificio de viaxeiros integrarase na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e autobús. A execución dos traballos de construción será compatible coa explotación ferroviaria.

Tamén se construirá un novo paso baixo vías de 20 metros (m) de ancho, 8 m deles destinados á comunicación entre plataformas, exclusiva para os usuarios do ferrocarril, e 12 m ao paso urbano peonil, que permitirá a conexión transversal, salvando a traza do ferrocarril entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón. Esta conexión deseñouse con criterios de xénero, eliminando espazos residuais e potenciando a iluminación e visibilidade.

Así mesmo, estará dotada dun carril bici e ramplas integradas nunha contorna axardinada que a farán accesible e integrada no espazo urbano. Desta forma, quedan conectados ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, os elementos de comunicación vertical e a urbanización asociada. A súa execución -tamén compatible co servizo ferroviario-, coordinarase co resto das administracións.

Adif executará a urbanización do exterior da estación e a conexión do paso inferior coa contorna na zona de Praza Conde Fontao-Rúa Alta e Parque do Sacro Corazón, actuando con criterios de sustentabilidade ambiental. Á súa vez, adecuará o cerramento da estación para evitar accesos indebidos á zona de vías e plataformas e levará a cabo a remodelación do viario e accesos rodados na zona da Praza Conde Fontao-Rúa Alta.

Pola súa banda, a Xunta executará, de maneira conxunta á estación de autobuses, un novo aparcamento subterráneo -proxectado por Adif-, que duplicará o número de prazas actuais.

Financiamento das obras

Coa autorización en Consello de Ministros, Adif poderá financiar a totalidade do investimento destinado ao novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril e o paso inferior entre plataformas, o 60% do paso urbano peonil, a urbanización da contorna inmediata da actuación e a remodelación do viario e accesos rodados e o 62,5% do aparcamento subterráneo baixo a nova estación de autobuses. Ademais, Adif asume a titularidade, conservación e mantemento tanto do novo edificio de viaxeiros como do aparcamento subterráneo e a súa explotación.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia asumirá o 100% da nova estación de autobuses e o 37,5% do novo aparcamento subterráneo e o Concello de Lugo financiará o 40% das actuacións de trama urbana: paso inferior, urbanización da contorna e remodelación do viario e accesos rodados.

A actuación poderá ser cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027.

Este proxecto contribúe ao cumprimento de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) entre eles, o 9 (promoción de infraestruturas fiables, sostibles e de calidade) e o 11 (acceso a sistemas de transporte seguros, accesibles e sostibles).