Skip to main content
Lugo

Equigal converterá a Lugo en epicentro ecuestre ata o 21 de maio

A voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos a XVI edición do Salón Internacional do Cabalo, Equigal, que, durante as fins de semana dende mañá e ata o 21 da maio, reunirá ao redor de 100 ganderías e 300 exemplares de diferentes puntos de Galicia e de España no Pazo de Feiras e Congresos da capital da provincia.

A Deputación aporta 40.000€ para a celebración do Salón, sendo a principal patrocinadora deste evento, que converterá a Lugo, durante tres semanas, no epicentro ecuestre a nivel nacional. “É unha satisfacción acoller hoxe na institución provincial a presentación dunha nova edición de EQUIGAL, e comprobar como este Salón Internacional do Cabalo de Galicia medra cada ano e se consolida como unha cita de referencia para o sector”, afirmou durante o acto García Porto.

Lembrou a Deputada que, “dende a Deputación de Lugo vimos colaborando, edición tras edición, de maneira importante coa celebración deste evento, e facémolo porque representa moi ben esa idea de transversalidade, sinerxías e cooperación entre sectores, que sempre favorecemos dende esta institución”. Porque, dixo, “apostar por EQUIGAL é facelo pola promoción e pola posta en valor do noso sector primario, un motor económico fundamental na nosa provincia”. Un sector, sinalou García Porto, “no que a cría de cabalos está a acadar cada día un maior desenvolvemento. Equigal é tamén falar de benestar animal, de novas tendencias en nutrición ou tratamentos veterinarios”.

Así mesmo, fixo fincapé en que “o mundo do cabalo é hípica, deporte de competición e lecer, moi atractivo para o público, e que pon ós máis pequenos en contacto co mundo dos animais, transmitindo valores de disciplina, respecto e convivencia”. Con todos estes valores, destacou, “Equigal é unha cita obrigada na axenda de actividades que Lugo e o conxunto da provincia ofrece ós seus veciños e veciñas, e consolídase tamén como un dos grandes atractivos turísticos do mes de maio, cunha alta capacidade de retorno económico”. Mostrouse convencida a Deputada de que esta nova edición “vai ser un éxito, como as precedentes”.

Rematou García Porto felicitando ós organizadores que fan posible este certame “pola súa capacidade para converter a Equigal nun evento embaixador da provincia de Lugo no mundo da hípica”.

Pola súa banda, o xerente do Pazo de Feiras e Congresos e organizador do Salón agradeceu o importante apoio da Deputación, xa que, “sen a súa contribución, non sería posible celebrar un evento destas características”. Unha cita, explicou, “nonsó fundamental para o sector que nos últimos anos viu incrementar o Pura Raza Galega en importantes ganderías”, senón tamén “polo volume económico que xera Equigal para a cidade de Lugo, pola que pasarán neste mes de maio milleiros de persoas, o que repercutirá directamente na hostalería, no comercio e na ocupación hoteleira”.

Concursos, exhibición e bautismos ecuestres

A décimo sexta edición de Equigal Salón Internacional do Cabalo de Galicia abrirá as súas portas esta fin de semana, do venres ó domingo, coa celebración do Concurso Nacional de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo. Unha proba moi atractiva que consiste en franquear a cabalo un percorrido de varios obstáculos construídos con barras sen cometer ningunha falta nin de rehuse nin de derribo.

A fin de semana do 8 ao 12 de maio realizaranse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo actividades totalmente gratuítas para escolares de iniciación ao mundo equino. Estes bautismos ecuestres levaranse a cabo con grupos reducidos de 25 escolares, e terán unha duración de dúas horas, en dúas quendas cada día.

Do 13 ao 14 de maio, Equigal acollerá o Concurso Internacional Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Árabe, e o de Pura Raza Galega, ademais da Exhibición de Cabalo de Pura Raza Galego, cun espectáculo musical que fará as delicias dos visitantes. Finalmente, na última fin de semana do evento, do 19 ao 21 de maio, celebrarase o XVI Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española.