Skip to main content
Lugo

O Concello acusa a perda de fondos europeos porque a Xunta non paralizou a vivenda pública

Por 9 Maio, 2023Maio 10th, 2023Sin comentarios

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, advertiu que a Xunta de Galicia aínda non paralizou definitivamente a construción de vivenda pública no Castiñeiro “nin tampouco temos constancia de que activara a súa creación noutros terreos da súa titularidade como pode ser en Garabolos”.

“A conselleira de Medio Ambiente anunciaba hai tres semanas que cancelaba o procedemento de adxudicación pero, a día de hoxe, a licitación segue en curso na web Contratos de Galicia desatendendo o acordo unánime da Corporación local co que se pedía ao Goberno galego respectar as demandas da veciñanza da zona”, sinalou Fernández.

“Nin ten en conta a vontade cidadá, nin os requirimentos da Institución local, nin tampouco está a cumprir coas súas competencias en materia de vivenda, porque nestes momentos a Xunta non precisa asinar ningún convenio co Concello para construír vivenda social na capital, xa que ten terreos dabondo onde creala. Porén, moito nos tememos, que este comportamento obedece máis a unha estratexia dilatoria coa que xustificar a súa inoperancia en caso dunha posible perda de fondos europeos por falta de investimento”, apuntou o portavoz.

Miguel Fernández defendeu que o Concello “seguirá pelexando porque a Xunta constrúa VPO no municipio coa que dar resposta aos máis de 1.300 demandantes que existen na capital” e lembrou que – tal e como se recolle tamén no escrito enviado ao ente autonómico – a Xunta, como propietaria dos terros, debe solicitar a modificación puntual da parcela de Ramón Piñeiro no PXOM, “o que non sería impedimento para que puidese levantar nela, agora mesmo, outro tipo de dotacións públicas como unha escola infantil ou un centro da terceira idade que mellore a convivencia e a conciliación familiar das persoas residentes na contorna”.

O tenente de alcaldesa fixo fincapé, ademais, en que pese a non ser imperativo para a creación de vivendas que se asine un Convenio de permuta do soar do Castiñeiro, a rexedora xa avanzou no seu día a súa vontade de estudar os termos da compensación, unha circunstancia esta que non exime á Xunta de materializar os seus plans de vivenda pública nos predios dos que xa dispón o IGVS na cidade, “salvo que non teña ningún e que, unha vez máis, queira demostrarlle ás e aos lucenses que, para ela, somos cidadáns de segunda”, concluíu.