Skip to main content
Lugo

Arroxo asegura que a humanización da Muralla será unha prioridade “cando sexa alcalde”

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

Arroxo: “neste mandato cumprimos o 95% do programa nas áreas que xestionamos, demostramos que as nosas promesas en campaña tórnanse realidade ao longo do mandato”.

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que “cando sexa alcalde será unha prioridade continuar avanzando na humanización da Muralla”. Arroxo explicou que no vindeiro mandato, co BNG na alcaldía de Lugo, “continuaremos a mellorar a contorna do noso monumento máis importante, a única muralla romana do mundo que se conserva completa”.

Arroxo explicou que “para garantir o correcto mantemento da Muralla é preciso avanzar na retirada de tráfico da Rolda, habilitando alternativas para que o tráfico poida circular por itinerarios alternativos”. Para isto, o candidato nacionalista anunciou que “remataremos a segunda rolda, unindo Agro do Rolo coa Rolda do Carme, unha actuación que leva pendente desde o ano 1969”, e engadiu “esta actuación será clave para comezar a planificar a peonalización da zona norte da Muralla”.

O candidato do BNG realizou o anuncio na Avenida Infanta Elena, onde o BNG colocou un valado de campaña mostrando que no presente mandato se cumpriron o 95% das iniciativas de programa do BNG para este mandato. Arroxo afirmou que “moitas veces dise que os políticos fan promesas en campaña e despois non as cumpren, desde o BNG saímos a pola alcaldía porque demostramos que as nosas promesas de campaña se tornan realidade ao longo do mandato”.