Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo anuncia que completará a unión dos paseos do Miño e do Rato se é alcalde

Por 14 Maio, 2023Sin comentarios

O candidato do BNG afirmou que “é máis importante conservar o cinto verde de Lugo a construír a Rolda Leste que non é necesaria actualmente”.

O BNG completará a unión dos paseos do Miño e do Rato a partir do 28 de maio, unha vez Rubén Arroxo sexa escollido como alcalde de Lugo. O candidato do BNG, acompañado por un grupo de integrantes da candidatura e militantes da organización nacionalista, desprazouse ata a contorna do paseo do Miño, onde realizou o anuncio. “Para completar o cinto verde de Lugo e unir a contorna de ambos ríos, só é preciso iniciar o procedemento de expropiación dunha parcela e acondicionar a zona unha vez completada a expropiación”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a partir do 28 de maio desde o BNG abriremos un tempo novo en Lugo e o Concello apostará pola conservación, a mellora e a ampliación das nosas zonas verdes, creando zonas de esparcemento para as veciñas e veciños e colaborando na loita contra o cambio climático desde o Concello”. “Lugo é a única cidade do estado que forma parte da Reserva da Biosfera, desde as administracións temos o deber de potenciar e mellorar os nosos espazos naturais”, destacou o candidato do BNG.

Rubén Arroxo afirmou que como alcalde, esixirá á Xunta a paralización da Rolda Leste. “O cinto verde de Lugo é unha envexa para moitas cidades, non podemos destrílo cunha autovía que non é necesaria a día de hoxe”, declarou o candidato do BNG, que engadiu “a Xunta pretende destruír máis dun quilómetro de terreo natural que só permitirá aforrar uns 3 minutos no desprazamento”.

“O Concello de Lugo a partir do 28 de maio implicarase na defensa do Parque do Rato, esixindo á Xunta que aplique a máxima protección posible a esta zona da cidade”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “seguiremos reclamando tamén ao goberno de Galiza que traslade o investimento previsto para a Rolda Leste á recuperación do barrio da Tinería, unha das zonas con máis contido histórico e patrimonial da cidade e que a día de hoxe continúa en ruínas”.

Arroxo lembrou que materializará estas reclamacións “liderando desde a alcaldía de Lugo unha mesa de traballo con todas as administracións para poñer a Lugo no mapa e conseguir que se completen as infraestruturas pendentes que os distintos gobernos deben a Lugo”.

Na segunda xornada de campaña electoral, o BNG achegará as súas propostas para Lugo con mesas informativas en distintos puntos da cidade. Rubén Arroxo e Maite Ferreiro asistirán ao Facela Fest e ás actividades do Celme da Zanfona, que contan coa colaboración das áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, dirixidas polo BNG neste mandato.